Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático Galego presenta no Teatro Municipal "As actas escuras" o venres ás 21,30 horas

4/03/2010

Será este venres ás 21.30h no Teatro Municipal

O Centro Dramático Galego presenta "As Actas Escuras"

 Xúlio Lago dirixe a un grupo de 14 actores neste texto de Vidal Bolaño

 

Mércores, 3 de marzo de 2010. Máis de 2.600 espectadores asistiron xa a representación de As Actas Escuras polo Centro Dramático Galego dende a súa estrea o pasado mes de febreiro. Trátase dunha montaxe ambiciosa que sube a 14 actores ao escenario caracterizado polo Rodrigo Roel, e cun vestiario obra de La Canalla. Ao fronte, na dirección, sitúase o experimentado Xulio Lago aportando a súa impronta persoal a esta obra de Rodrigo Vidal Bolaño.

 

As actas escuras será representada este venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui, e era presentada esta mañá na Casa do Concello polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o Director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, o Director da obra, Xulio Lago, e unha das actrices, Teté García, xunto ao Concelleiro de Cultura Moisés Rodríguez.

 

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, sinalou na presentación que "para Tui é unha honra que unha vez máis o CDG estea na cidade" sinalando que "en Tui estamos traballando arreo no mundo da cultura e do teatro, e para nós é un orgullo que Tui sexa un dos espazos CDG". O edil responsable de cultura quixo tamén destacar que o Teatro Municipal é o segundo na media de espectadores, o que significa que as cousas se están facendo medianamente ben". Quixo facer tamén fincapé no feito de que "As actas escuras" se represente en Tui "nun ano tan importante para nós, ao ser a cidade a porta do Camiño Portugués a Santiago".

 

Pola súa parte Juan Carlos Fernández Fasero quixo felicitar a Tui porque "é unha das cidades que está a facer maior esforzo na programación cultural, con seis representacións dentro da Rede de Teatro e Auditorios, a presenza do Centro Dramático e a programación adicional" o que dicía "implica que mantén unha actividade cultural ao longo de todo o ano".

 

Avanzou amais o director do AGADIC a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais con Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, que se vai celebrar do 17 ao 21 de marzo, no que presentarán o proxecto interrexional "Creativa".  Tratarase dunha serie de encontros entre os dous lados da raia co que buscan, segundo explicaba, fomentar un pouco máis este Festival do que dicía "é o máis importante de Galicia, está situándose entre os máis importantes de España, e conta tamén proxección internacional".

 

O Alcalde, Antonio Fernández Rocha, agradeceu a colaboración establecida coa AGADIC desexando que continúe no tempo. Manifestaba amais que o público en Tui está garantido, non só do propio municipio senón tamén do Norte de Portugal, do Baixo Miño, o Val Miñor e A Louriña. Sinalaba así que "somos un referente no traballo realizado dende o departamento de Cultura".

 

Julio Lago, director de "As Actas Escuras" explicou que obra, escrita por Vidal Bolaño, conta "con moitos ingredientes de gran interese, estamos no Ano Santo 2010 e o tema desta función están centrado no ano santo no século XIX cando se poñen a andar unhas escavacións na procura da tumba do Apóstolo desaparecida 400 anos antes, ante a falta de chegada de peregrinos a Compostela". Pero apuntaba que na trama tamén se introducen outros temas coma os malos tratos, a consideración social da muller, a liberdade de culto e de ensinanza... o que nos sitúa, dicía, "nun texto contemporáneo, moderno, que fala de cousas de hoxe".  Julio Lago destacou tamén o "elevadísimo" nivel actoral con 14 actores galegos que defenden unha vintena de personaxes, ao que hai que engadir a riqueza do texto, a calidade interpretativa, a creación escénica de Rodrigo Roel, o vestiario feito por La Canalla, e a música de Manuel Riveiro. Todo isto fan que o espectáculo "para os amantes do teatro é un pracer e para os novos espectadores é un descubrimento" explicaba Xúlio Lago.

 

O elenco  está encabezado por Xosé Manuel Olveira "Pico", Ricardo de Barreiro, César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, César Goldi, Xoan Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega, Marco Vieitez e Teté García. Esta última expuña na presentación que "para min é un pracer e unha sorte formar parte deste proxecto". Ela da vida a "Rosarito" a cupletista da obra que ten pouca presenza pero moi intensa, tal e coma explicaba, pero que serve de contrapunto aos dous protagonistas principais.

 

As entradas están á venda na web www.culturatui.info ata o venres ás 18h e pódense mercar tamén no despacho de billetes o venres dende ás 20h aos prezos de 7€ e 5€.

 

 

Rolda de Prensa Presentación As Actas Escuras

Data e hora:  Mércores 3 ás 11.30h

Lugar: Sala de Reunións no Concello de Tui