Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático Galego presenta en Tui “Salomé” este venres no Teatro Municipal

16/02/2011

O Centro Dramático Galego presenta en Tui “Salomé”

É unha ollada satírica ao texto homónimo de Óscar Wilde

Será este venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui

 

 

Mércores, 16 de febreiro de 2011. No mítico país de Galilega transcorre a acción de “Salomé” a obra que este venres representa o Centro Dramático Galego no Teatro Municipal de Tui a partir das 21.30h. No mesmo ofrécese unha lectura satírica do texto homónimo de Óscar Wilde mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas.

 

O espectáculo foi presentado esta mañá pola directora do CDG, Blanca Cendán, pola actriz María Salgueiro xunto ao Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e polo Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, expuña nesta presentación que a relación de Tui co CDG é de “amizade, complicidade e de defensa do teatro”. Engadía que para “un concello pequeno pero con aspiracións culturais moi importantes é unha honra que o Centro Dramático Galego veña a Tui” apuntando que “todas a producións que fixo estiveron en Tui, e esperamos que sexan moitas más as veces nas que o CDG conte con Tui, unha cidade cunha media de espectadores tremenda en relación ao número de habitantes”

 

Blanca Cendán,  a directora do CDG manifestaba que é “unha honra coma directora poder levar a cabo estas producións” explicando que a montaxe de Salomé “foi unha especie de anceio persoal porque fora unha obra representada hai vinte anos no CDG”. Explicaba que “Salomé” está no segundo mes de xira na que o público está a acudir ao teatro pese a ser unha época de crise”

 

A actriz María Salgueiro,  que interpreta o papel de Herodías a muller de Herodes, destacaba que o texto é moi interesante e apuntaba a boa afluencia de público que están a ter pese á crise.

 

Por último o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, sinalaba que é un pracer presentar un novo espectáculo do CDG porque “en Tui as experiencias vividas son exitosas” engadindo que “o público responde porque se fai unha labor ben feita tanto por parte da Concellería de Cultura coma do CDG”.

 

En “Salomé” Carlos Santiago dirixe a un elenco formado por María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos que dan vida aos 15 personaxes da historia.

 

A través dunha posta en escena arriscada neste espectáculo o CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do texto de Wilde. A traxedia segue acontecendo en Galilea pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico.  A acción transcorre nun acto único onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Mentres no exterior o profeta Lokanaán, que denuncia a corrupción e inmoralidade do goberno de Herodes, é encerrado no cortello dos porcos.  Salomé a fillastra de Herodes encapríchase do profeta e desencadea unha sanguenta traxedia.

 

As entradas para esta representación están xa á venda ata o venres ás 13h na web www.culturatui.info ou o venres dende ás 20h pódense adquirir no despacho de billetes na Área Panorámica. As entradas teñen un prezo xeral de 8€, e 5€ para os que teñan dereito a algúns dos descontos establecidos como xubilados, estudantes, parados, familia numerosa, discapacitado ou posuidores do carné xove ou do carné máis.

 

CDG con “Salomé”

Data:  Venres, 18 de febreiro, ás 21.30h

Prezo das entradas: 8€ - 5€

Venda de localidades: En www.culturatui.info ata o venres ás 13h e no despacho de billetes o venres dende ás 20h.

Máis información en: www.culturatui.info ou en www.centrodramatico.org