Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático de Évora presenta hoxe no Teatro Municipal “Autos da Revoluçao”

24/05/2014

O Centro Dramático Galego representará “Longa Viaxe cara a noite” o martes 27 para alumnos de secundaria 

VSábado, 24 de maio de 2014. O mes de maio remata con dobre representación no Teatro Municipal de Tui unha este sábado para público en xeral e outra o martes 27 para escolares.  Con estas dúas propostas teatrais péchase amais a programación neste espazo correspondente ao primeiro semestre deste 2014.

 

Estes dous espectáculos foron presentados onte á mañá no vestíbulo do teatro pola concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego e Rosário Gonzaga do Centro Dramático de Évora.

 

A primeira cita vai ser hoxe sábado, 24 de maio, para público en xeral. Ás 18.30h o Centro Dramático de Évora, en coprodución coa Companhia de Teatro do Algarve, porá en escena “Autos da Revoluçao”. Houbo un cambio no horario da función, con respecto ao previsto inicialmente, debido a necesidades técnicas de produción.  

 

Este espectáculo achega a visión do que foi a Revolución do 25 de abril para sete personaxes. Da exposición que fai cada un deles xorden preguntas inevitables tanto polo paso do tempo como pola actual situación do país.

 

Esta obra, construída a partir dos textos de António Lobo Antunes, está dirixida por Pierre-Etienne Heymann. Sobre o escenario dan vida aos personaxes Mário Spencer, Rosário Gonzaga, María Marrafa, Bruno Martins, Tânia da Silva e Jorge Baiao. Pero tamén segundo avanzaba Rosário Gonzaga haberá un convidado tudense sobre o escenario que dará vida a António Lobo.

 

O espectáculo foi estreado no Teatro García de Resende en Évora o pasado 27 de marzo, co gallo do Día Mundial do Teatro, e é unha segunda versión da montaxe que realizaron hai xa dez anos  Este espectáculo chega a Tui dentro do programa “TrocoxTroco” entre compañías galegas e portuguesas, tal e coma explicou a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

 

As entradas están á venda na web www.culturatui.info ata mañá sábado ás 13h ou poderanse mercar mañá sábado dende ás 17h no despacho de billetes ao prezo de 6€ e de 4,5€.

 

A segunda cita será o próximo martes, 27 de maio, ás 11h co Centro Dramático Galego que volve a Tui para presentar a súa primeira montaxe desta temporada “Longa viaxe cara a noite”. Á mesma asistirán 333 alumnos da ESO do IES San Paio, do IES Indalecio Pérez Tizón, do Colexio Maristas e do Seminario Menor.

 

“Longa viaxe cara á noite” é unha das obras máis celebres de Eugene O’Neill, premio Nobel de Literatura en 1936 e gañador de catro Pullitzer, un deles póstumo por este texto. Un día na vida dos Tyrone, unha familia norteamericana quebrada polas frustracións e os vicios, é o que se retrata neste espectáculo, nos que a crítica coincide en sinalar que hai elementos da vida do propio autor. Está interpretada por Luisa Merelas, Alberto Roláns, Gonzalo Uriarte e Marcos Viéitez baixo a dirección de Manuel Guede.

 

Manuel Guede, director do CDG, explicaba que esta é a primeira vez en trinta anos que o Centro Dramático Galego se achega a unha literatura dramática tan fundamental na historia do teatro moderno coma é a norteamericana, e tiñan que comezar precisamente pola obra de Eugene O’Neill.  Explicaba amais coma no espectáculo introduciu un elemento expresionista, en alusión ás máscaras que os actores empregan no comezo e final da representación, e que explicaba son tamén unha homenaxe a O’Neill.