Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Camiño Portugués medra un 6 % en 2025 acadando os 100.835 peregrinos en 2025

9/01/2026

Tui consolídase como unha das grandes portas de entrada a Santiago

O Camiño Portugués consolida, un ano máis, a súa posición como a segunda ruta xacobea máis escollida polos peregrinos, acadando no ano 2025 a cifra de 100.835 peregrinos, o que supón un incremento do 5,6 % respecto a 2024, cando se rexistraran 95.495 persoas. Uns datos que confirman a fortaleza, a proxección internacional e a vixencia histórica desta ruta xacobea.

Neste contexto de crecemento sostido, Tui reafírmase como un referente indiscutible do Camiño de Santiago, consolidándose como o segundo lugar de inicio de toda a rede xacobea. Ao longo de 2025 partiron da cidade 41.646 peregrinos, un 13,7 % máis que no ano anterior, cando iniciaran o Camiño desde Tui 36.625 persoas. En termos globais, o 41,30 % dos peregrinos que realizaron o Camiño Portugués escolleron Tui como punto de partida, o que representa tamén o 8,34 % do total de peregrinos de todos os camiños.

Os datos facilitados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago reflicten ademais o carácter claramente internacional do Camiño Portugués. Do total de peregrinos rexistrados, o 62 % (61.588 persoas) proceden do estranxeiro, destacando Portugal con 11.834 peregrinos (11,90 %), Estados Unidos con 7.362 (7,40 %), Alemaña con 5.455 (5,49 %) e Italia con 4.951 (4,98 %), seguidos por Brasil, Reino Unido, Irlanda, Canadá e Australia. Pola súa banda, os peregrinos españois acadan a cifra de 37.842 (38 %), procedentes principalmente de Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana e Cataluña.

A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, manifesta a súa satisfacción por estes datos, que “avalan o atractivo de Tui como destino xacobeo grazas ao seu patrimonio histórico, á súa paisaxe singular e á ampla oferta de acollida e hospitalidade que a cidade ofrece a peregrinos e visitantes”. Ao mesmo tempo, subliña a importancia de seguir promovendo os valores do Camiño de Santiago, para que cada peregrino se converta tamén nun embaixador da cidade e dos seus recursos culturais e turísticos.

A concelleira destaca tamén o importante crecemento do Camiño Portugués na última década, que pasou dos 41.664 peregrinos rexistrados en 2015 aos 100.835 de 2025, o que supón un incremento do 141 %, un dato especialmente relevante se se ten en conta a crecente competencia doutras rutas de peregrinación e a aparición de novos camiños sen a lexitimidade histórica que posúe o Camiño Portugués.

Pero se hai un dato especialmente significativo é o espectacular crecemento de Tui como lugar de inicio do Camiño. Na última década, o número de peregrinos que comezaron a súa peregrinación na cidade pasou de 13.799 en 2015 a 41.646 en 2025, o que representa un incremento do 302 %, consolidando a Tui como segundo punto de inicio do Camiño de Santiago, só por detrás de Sarria no Camiño Francés e superando a Saint Jean Pied-de-Port, que durante anos rexistrara cifras moi superiores ás da cidade tudense.

Finalmente, a concelleira lembra a reivindicación do Concello de Tui sobre a necesidade de revisar o sistema de cómputo das "Compostelas" na Oficina do Peregrino, xa que os peregrinos que realizan o Caminho Portugués da Costa polo seu trazado histórico recoñecido como oficial en Portugal, e que desde Caminha chegan a Valença e Tui, son computados como peregrinos do Camiño Portugués da Costa e non do Camiño Portugués, o que diminúe significativamente os datos reais de afluencia de peregrinos á cidade.

Tui segue avanzando con paso firme no Camiño de Santiago, orgullosa do seu pasado, comprometida co presente e mirando ao futuro como unha das grandes portas xacobeas de Galicia e de Europa.