Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“O Camiño do humor” con viñetas de Dávila dáse cita na Sala Municipal de Exposicións de Tui

30/09/2020

Poderá visitarse do 2 ao 24 de outubro. Forma parte das actividades do 50 aniversario da Biblioteca

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle desde este venres día 2 ata o 24 de outubro unha exposición de viñetas do ilustrador e deseñador gráfico galego Luís Davila (Bueu, 1972). Baixo a denominación de “O Camiño do humor” mostra una escolma das viñetas que Davila publica cada día no xornal “Faro de Vigo”. Esta mostra está organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia.

“O camiño do humor” é unha exposición que presenta unha recompilación das mellores viñetas do artista galego Luís Davila. Unha peregrinación polas súas mellores ilustracións, con personaxes tan entrañables como “Doura a rozadora” e “Tucho”, entre outros. Na mesma amosarase parte da extensa traxectoria e valía do debuxante. Davila é xa un mestre en facernos rir e pensar cos seus debuxos, herdeiro de grandes artistas como Siro ou Xaquín Marín.

A mostra está organizada de maneira temática baixo epígrafes como Xente de aquí, Na leira, O bicherío, Tecnoloxía, O tempo, O turismo ou O Camiño de Santiago, etc. En conxunto, ofrece un completo percorrido pola obra de Davila a través dunha antoloxía das súas viñetas máis destacables.

Con esta nova mostra a concellería de Cultura tudense, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente, continúa apostando por ofrecer á veciñanza unha programación diversificada e de calidade nesta Sala Municipal de Exposicións. Para a concelleira esta nova exposición é unha oportunidade de achegarse a esta mostra dun humor que tamén nos fai reflexionar sobre a actualidade con moita retranca. A mostra forma parte do programa de actividades do 50 aniversario da Biblioteca Municipal de Tui.