Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O anteproxecto do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico xa está en período de información ambiental

16/08/2011

 

O ANTEPROXECTO DO PLAN ESPECIAL DE PROTECCIÓN DO CONXUNTO HISTÓRICO TUDENSE XA ESTÁ EN INFORMACIÓN AMBIENTAL

 

En días pasados foi entregado pola empresa “OTEA planes y proyectos” adxudicataria da redacción do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui o avance deste documento na actualidade en elaboración. Este avance contén as liñas mestras da proposta do PEPCH que logo serán concretizadas nunha proposta inicial, que se agarda estea elaborada para o vindeiro mes de outubro. Será esta proposta á que se someta a información públicas dos veciños de Tui que poderán presentar as alegacións os suxestións que estimen de interese para enriquecer esta Plan Especial.

Namentres este documentos de avance ou anteproxecto foi enviado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras aos efectos de realizar a súa “Avaliación ambiental estratéxica”. Esta avaliación é un instrumento de prevención que permite validar estratexicamente os procesos de elaboración e decisión de plans e programas dende a súa fase inicial, cando todas as alternativas son aínda posibles, e prestándolle unha especial atención á participación pública e ás consultas con autoridades e organizacións representativas en cada campo de actuación.

Neste sentido e ata o 3 de setembro esta proposta de planeamento sobre o conxunto histórico de Tui ten aberta a súa consulta e suxestións na páxina web da Conselleria de Medio Ambiente: http://aae.medioambiente.xunta.es/template_aea.jsp?page=proxecto_aea.jsp?id=1258  existindo tamén un enlace a este documento dende a páxina web do Concello de Tui.

Este documento basease na información recollida e procesada, en base á que realizouse o diagnóstico socioeconómico e territorial do ámbito obxecto de protección, expresando a estrutura territorial básica, amosando os problemas detectados e sinalando as alternativas de acción posibles, o que constituirá o elemento central da memoria xustificativa do plan e peza fundamental para a súa avaliación ambiental estratéxica.

Este anteproxecto coma documento de inicio ten por finalidade servir de orientación para a elaboración e avaliación ambiental do plan, contendo o estudo detallado do ámbito obxecto do plan especial e das súas relacións territoriais, a descrición e avaliación dos procesos de formación e transformación históricos e recentes da estrutura e do alcance, o contido e dos obxectivos da planificación, as propostas e alternativas formuladas.

Contén a avaliación do seu desenvolvemento previsible, dos seus efectos ambientais e dos efectos que se prevexan que poida ter sobre os elementos estratéxicos do territorio, a planificación sectorial e territorial implicada e as normas aplicables.

O equipo redactor decántase por unha alternativa que pretender ter en conta todas as variables para a protección dos valores patrimoniais: bens inmobles, valores arqueolóxicos, valores culturais, cun enfoque que permita o desenrolo das actividades económicas compatibles cos valores obxecto da protección que permita fixar a poboación.

Deste xeito cómpre configurar un escenario que permita disfrutar da cidade histórica de Tui tanto os habitantes coma os foráneos, compatibilizando as actividades do turismo co uso residencial e as actividades, comercial, hostaleiro, ocio, administrativo, cultural e relixioso, así coma as actividades tradicionais artesanais.

Para o alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, o inicio da tramitación deste Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui é unha importante noticia para a nosa cidade pois evidencia o compromiso da Corporación Municipal en avanzar na conservación e promoción do noso patrimonio cultural concretizado na redacción desta figura de planeamento que ordenará o noso conxunto monumental. Amais a redacción deste PEPCH é un requirimento establecido no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui aprobado o pasado 24 de marzo de 2011 ao este goberno municipal está dando cumprimento.

Moisés Rodríguez Pérez anima aos veciños a consultar este documento achegando os seus comentarios e suxestión para enriquecer este proceso de redacción en curso.