Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O anexo da Sala Municipal de Exposicións acolle a mostra “Á Violencia de xénero… Dille NON!!”

10/11/2021

A mostra busca a través da banda ensinar a mocidade a identificar condutas tóxicas en parella

Dende hoxe mércores, 10 de novembro, e até o martes 23 deste mes pódese visitar no anexo da Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez (Área Panorámica) a exposición “Á Violencia de xénero… Dille NON!!”. Trátase dunha exposición gráfica ilustrada dirixida a axuda á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas ou nocivas nas súas relacións.

A mostra chega a Tui grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios de Provincias.

Nunha decena de láminas a exposición amosa xeitos de exercer a violencia que case sempre lle pasan desapercibidos a quen a sofre. Control, manipulación, abuso, sextorsión, chantaxe emocional… presentados con debuxos de banda deseñada para que a mocidade - principal destinataria da exposición - aprenda a identificar as condutas tóxicas en parella co obxectivo de rebelarse contra delas.

Dende o Concello de Tui amósase o agradecemento á Secretaría Xeral da Igualdade por achegar esta mostra ao municipio. Cun formato atractivo chámase a atención dos e das adolescentes, e busca sensibilizar sobre unha das formas máis estendidas de violencia contra a muller: a violencia sexual.  A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, salienta o acerto da exposición da Secretaría Xeral en abordar esta temática con esta iniciativa enfocada á poboación máis nova. Nese senso sinala o traballo que o seu departamento está a realizar “na prevención das violencias sexuais, que coa revolución dixital e as redes sociais non para de medra cada vez en idades máis temperás”

Precisamente o xoves 2 e o venres 3 de decembro a concellería de Igualdade organiza uns obradoiros para o alumnado dos dous institutos de Tui da man de Zua Méndez e Teresa Lozano de Towanda Rebels. Nos mesmos abordarán dende a educación afectivo sexual, desmontarán o mito da libre elección, e exporán a historia do feminismo e os retos que hai por diante, entre outros contidos.