Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alumnado de Pazos de Reis que escribiu unha carta a León de Rosmithal, peregrino do s. XV, foi agasallado polo concello

18/06/2022

O ano pasado editouse un caderno didáctico e un mapa para conmemorar o 555 aniversario do paso por Tui do nobre e a súa comitiva

O Concello de Tui editou, no pasado ano, un caderno didáctico e un mapa para conmemorar o 555 aniversario do paso por Tui de León de Rosmithal camiño de Santiago de Compostela. Foi en 1.466 cando o nobre León de Rosmithal pasou por Tui, xunto a súa ampla comitiva, tanto na viaxe de ida coma de volta da súa peregrinación á tumba do apóstolo Santiago en Compostela.

Este material vai especialmente dirixido aos e ás escolares tudenses cunha proposta de actividades a desenvolver por parte dos cativos. Conta co deseño e o debuxo do ilustrador tudense Andrés Lamas que realizou un amplo traballo de documentación que reflectiu no mapa que acompaña ao caderno didáctico. No mesmo recóllese unha breve introdución sobre este nobre peregrino e a transcrición do relato do seu paso pola cidade de Tui, para rematar cunha proposta de sinxelas actividades para a aula a realizar polo alumnado tudenses.

Na xornada de hoxe a concelleira de ensino e cultura, Sonsoles Vicente Solla, agasallou aos alumnos de 5º curso de Primaria do CEIP de Pazos de Reis que participaron nesta proposta didáctica escribíndolle unha carta ao barón León de Rosmithal, cunha especial mención á carta redactada pola alumna Khadija Amrani.

O obxectivo do concello tudense con esta actividade é a difusión do fenómeno da peregrinación xacobea e os valores que representa entre os cidadáns tudenses, especialmente os menores, para consolidar a tradicional hospitalidade tudense cara aos peregrinos e posicionar ao noso municipio nos Camiños de Santiago. A responsable da concellería de Ensino e Cultura agradece ao alumnado do CEIP de Pazos de Reis a súa participación nesta proposta didáctica que foi recoñecida polo Concello tudense para divulgar o camiño entre a poboación máis nova do municipio.