Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui valora positivamente os cen primeiros días de goberno

3/10/2011

Moisés Rodríguez presentou está mañá un balance das primeiras actuacións acometidas


 



Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, presentou esta mañá, no decurso dunha rolda de prensa o balance dos cen primeiros días de acción do novo goberno municipal tudense  cunha valoración na súa opinión “moi positiva” por tres razóns fundamentais: por unha banda, o cambio de imaxe que realizou este novo goberno (con medidas como o control, horario, a atención ao público tamén polas tardes, etc.); en segundo lugar, tendo en conta que dos nove concelleiros do goberno, só tres tiñan experiencia no Concello, o nivel de traballo desenvolvido por todos, coas normais adaptacións os funcionamento municipal, é valorado como satisfactorio; en terceiro lugar, suscitouse unha ilusión en moitos cidadáns por este goberno o que conleva unha grande responsabilidade; finalmente sinalou que hai unha excelente colaboración coas outras administracións públicas para avanzar nos temas que afectan ao municipio.




“O peor deste tempo, son os numerosos veciños que se achegan ata o Concello na demanda de emprego, buscando asesoramento e axuda en materia de traballo” e aos que dende o Concello nos vemos desbordados a pesares da ampla oferta de empregos realizada neste ano a través do Obradoiro de Emprego e os programas de colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.




No decurso da rolda de prensa, o alcalde tudense pasou revista tantos aos grandes temas do novo mandato municipal, informando, por exemplo, dos avances acadados na adquisición da fincas A Largateira, na desafectación dos terreos para a Escola Infantil, nos avances na redacción do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico, da creación da Eurocidade con Valença do Minho, etc.



De seguido fixo un relato pormenorizado das actuacións realizadas nas diversas áreas municipais, cuxa enumeración se pode ver aquí.