Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui se entrevista co conselleiro de Medio Rural

12/08/2011

 

O ALCALDE DE TUI ENTREVISTASE CO CONSELLEIRO DE MEDIO RURAL

 

Moisés Rodríguez Pérez, alcalde do Concello de Tui, mantivo onte, mércores 10 de agosto, unha entrevista co Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, na que analizaron os diversos temas relacionados con Tui e que entran no ámbito das competencias daquela Consellería.

A entrevista serviu para unha primeira toma de contacto entre ambos responsables públicos e analizaron, entre outros, asuntos como o funcionamento do Parque Natural do Monte Aloia, un elemento de grande interese para o Concello tudense, especialmente interesado na súa posta en valor e posible ampliación así como no funcionamento do seu Centro de Interpretación. Neste ámbito, falaron da Aula Forestal de Areas e da súa actividade. O Alcalde de Tui valorou positivamente a actividade de divulgación que se realiza dende ambos establecementos de educación medioambiental apostando pola súa continuidade.

Analizaron tamén a situación do espazo tudense abranguido na Rede Natura e da situación do río Miño, amosando o Concello de Tui o seu interese pola conservación deste elementos singular da nosa paisaxe e do seu aproveitamento para o lecer, especialmente no caso das praias fluviais existentes do municipio tudense e que dende o Concello se pretenden potenciar. Neste caso prantexaron un estudo para aumentar o volume dos areais existentes, respectando os requerimentos medioambientais.

Foron abordados tamén outros posibles ámbitos de colaboración como é o caso da mellora de infraestructuras rurais nalgunhas das parroquias tudenses ou a colaboración na prevención de incendios forestais, asuntos que serán obxecto de senllos convenios de colaboración nun próximo futuro. Neste último aspecto, analizaron a posibilidade de creación de espazos limitados onde permitir o uso de barbacoas nos diversos parques forestais existentes no municipio.

O repaso de asuntos abrangue tamén a análise das actuacións da Conselleria de Medio Rural no ámbito do desenvolvemento rural, da Denominación de Orixe “Rías Baixas”, etc comprometéndose o Conselleiro de Medio Rural a efectuar nos vindeiros meses unha visita ao noso municipio para estudar directamente algunha das iniciativas prantexadas polo alcalde tudense.

Moisés Rodríguez Pérez agradeceulle ao Conselleiro a súa receptividade ás propostas presentadas e confía que axiña poidan plasmarse en actuación concretas. Esta visita se enmarca dentro das entrevistas que o alcalde tudense está a desenvolver cos diversos conselleiros da Xunta de Galicia para unha primeira toma de contacto e análise dos asuntos de interese para o noso municipio que dependen das diversas consellerías.