Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde de Tui recollerá este sábado o premio “Institucións Culturais” no Teatro Principal de Pontevedra

2/05/2014

A Asociación de Escritores en Lingua Galega recoñece a programación teatral desenvolvida na cidade

Venres, 2 de maio de 2014 . O Teatro Municipal de Tui verá recoñecida a súa labor de promoción e aposta polas artes escénicas desenvolvida ao longo dos últimos 11 anos este sábado 3 de maio co galardón “Institucións Culturais” outorgado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega AELG.

A entrega da distinción terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra co motivo da Gala das Letras cuxo obxectivo é convocar a cidadanía nesta cita anual de homenaxe á literatura galega destacando as mellores obras do 2013 dentro das modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística.

Así, dentro da modalidade de “Institucións Culturais” dedicada ás artes escénicas, o Teatro Municipal de Tui recibe este ano tal distinción pola súa programación da tempada 2013-2014 involucrándose coa  promoción das artes teatrais, labor desenvolvida tamén polo Concello de Narón e recoñecida  nesta gala. Dentro da mesma modalidade recibirán  distinción asemade a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo polo programa de teatro Buxiganga e a Área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña polo Premio de Teatro Rafael Dieste.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, que mañá acudirá a Pontevedra a recoller o premio, destacou a importancia deste premio e gala xa que pon de relieve a labor do concello por manter viva, non só a lingua galega, senón tamén a vinculación do idioma coa cultura nun espazo que,  desde a súa apertura hai 11 anos, acolle unha programación estable, continuada e de calidade, que conta co apoio do público.