Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui proporá ao pleno dedicarlle unha rúa ao médico e filósofo Francisco Sánchez

5/06/2012

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, realizará unha proposta ao Pleno da Corporación Municipal para que acorde dedicarlle unha rúa da nosa cidade ao médico e filósofo Francisco Sánchez, nado na nosa cidade en 1550 e cuxa obra filosófica está considerada como unha das máis relevantes da filosofía moderna.

 

Esta decisión ven motivada porque o pasado 30 de maio o Diario Oficial de Galicia publicaba a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia pola que autorizaba, á solicitude do Consello Escolar do centro, o cambio de denominación do IES “Francisco Sánchez” que pasará denominarse de agora en diante IES “Indalecio Pérez Tizón”.

 

Con esta decisión, sinala o rexedor tudense, un dos máis egrexios persoeiros nado en Tui,  Francisco Sánchez fica, na súa cidade natal, sen unha mínima referencia que faga xustiza á súa memoria e a súa singular achega á historia da filosofía.

 

Este Concello de Tui ven traballando, nos últimos anos, na recuperación da súa figura coa celebración de diversas actividades arredor de Sánchez: ciclo de conferencias en 2006 con exposición, diversas actividades nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía ou recentemente a culminación do proxecto realizado pola Fundación Ignacio Larramendi, coa colaboración da Fundación Mapfre e o Concello de Tui de edición da Biblioteca Virtual Francisco Sánchez.

 

Nesta liña de difusión da vida e da obra de tan singular personalidade e  dada a decisión anteriormente comentada cómpre que este tudense universal, que logo case cinco séculos segue suscitando o interese pola súa obra filosófica, posúa na nosa cidade una recoñecemento e lembranza da que é merecente e confía que o acordo da Corporación Municipal sexa unánime neste sentido.