O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, defende o mantemento do Partido Xudicial de Tui
Esta mañá reuniuse con outros 13 rexedores o presidente da Deputación acordando solicitar a paralización do Proxecto de Reforma de Planta Xudicial
Sinala que os tres xulgados da cidade atenderon case 5.500 asunto en 2013
Luns, 21 de xullo de 2014. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, foi un dos trece alcaldes da provincia de Pontevedra que se reuniron, co presidente da Deputación de Pontevedra, para tratar o proxecto de Reforma de Planta Xudicial que tramita o goberno e amosar a súa preocupación pola posible supresión dos partidos xudiciais nos seus municipios. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explica que Tui ten que defender o seu partido xudicial, de aí a súa valoración positiva do encontro desta mañá xa que na mesma acordaron solicitar do goberno a paralización deste proxecto e demandar un estudo pormenorizado do mapa xudicial tendo en conta as particularidades da provincia de Pontevedra e dos seus partidos xudiciais.
No caso de Tui Moisés Rodríguez apunta coma os tres xulgados da cidade atenden a unha poboación de máis de 50 mil habitantes, atendendo 5.472 asuntos en 2013. Insiste o mandatario tudense na importancia de manter a administración de xustiza próxima ao cidadá. Tamén subliña o movemento económico que supón para a cidade contar cos xulgados tanto pola presenza de avogados ou procuradores coma pola repercusión positiva que iso conleva para o comercio e a hostalería local.
Tras o acordo unánime desta mañá agora solicitarán unha entrevista no Ministerio de Xustiza en Madrid para exporlles a preocupación, e por de relevo as condicións particulares que presentan os concellos da provincia de Pontevedra.
Lembra o alcalde de Tui coma o pleno da corporación municipal de Tui en maio de 2012 acordou por unanimidade unha proposta defendendo que Tui siga a ser a cabeceira do Partido Xudicial.