Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui expresa a súa preocupación pola carencia de novas sobre a conexión ferroviaria por Tui a través da liña Porto-Vigo

27/09/2011

Moisés Rodríguez Pérez, alcalde do Concello de Tui, expresa a súa preocupación diante da falta de noticias sobre a resposta de Renfe e Comboios de Portugal á reclamación de Tui e Valença, apoiada unanimemente polos municipios e entidades sociais da eurorrexión, da continuidade da conexión ferroviaria de Valença e Tui a través da liña Porto – Vigo.

O 30 de setembro remata o prazo establecido polos operadores ferroviarios para a continuidade desta conexión por ferrocarril entre as dúas capitais da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. A pesares das numerosas reclamacións enviadas aos responsables de senllas empresas e dos gobernos de España e Portugal, como responsables últimos deste servizo, a día de hoxe non hai constancia ou seguridade sobre a continuidade desta conexión ferroviaria.

O Alcalde tudense amosa a súa sorpresa pola declaración efectuadas onte mesmo polo responsable do Ministerio de Fomento en Vigo sobre a conexión ferroviaria con Madrid en 5 horas e medida no ano próximo e segue sen pronunciarse sobres as tres horas e media da conexión entre Porto e Vigo, que resulta certamente un anacronismo nesta altura dos tempos. Seguimos a padecer, afirma o rexedor tudense, unha visión centralista das comunicacións que exclúe as comunicación de caracter radial ou periférico entre os principais núcleos da eurorrexión Galicia / Norte de Portugal que contribúa ao seu desenvolvemento e a súa cohesión. Hoxe mesmo publica algún xornal un suplemento sobre o ferrocarril en Galicia que intencionadamente prescinde de referencia algunha a esta conexión Porto – Vigo.

Moisés Rodríguez Pérez anuncia que confía na continuidade desta liña e que de non existir esta garantía o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença reclamarán por todos os medios ao seu alcance a permanencia e modernización desta liña ferroviaria.

O Alcalde tudense declara a súa comprensión polas razóns económicas que aducen relativas a escaso número de usuarios deste servizo ferroviario, pero este escaso número está en relación coas moi deficientes condicións desta liña, da súa excesiva duración temporal e dos intempestivos horarios que non fornece un axeitado servizo ás máis de 5000 vehículos que diariamente cruzan esta antiga fronteira entre Tui e Valença.

“Os tempos de crise, engade recuperando as súas palabras de hai tres meses, son tamén tempos de oportunidades, tempos de renovación e de búsqueda de alternativas e estou convencido que unha oferta que resposte ás necesidades de movilidade dos cidadáns de Valença e Tui, do Norte de Portugal e do Sur de Galicia, ten futuro e posibilitaría avanzar na cohesións transfronteiriza, un obxectivo estratéxico irrenunciable”.