Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde asina un convenio sobre a Área de Rehabilitación e axudas para vivendas do Camiño de Santiago

5/08/2011

O ALCALDE DE TUI ASINA O CONVENIO SOBRE A ÁREA DE REHABILITACIÓN E AS AXUDAS PARA A VIVENDAS UBICADAS NO CAMIÑO DE SANTIAGO

 

Venres, 5 de agosto de 2011. O Alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, asistiu esta semana, en Santiago de Compostela, á sinatura dos convenios de colaboración entre os 32 concellos que teñen declaradas Áreas de Rehabilitación Integral e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o financiamento da Oficina Municipal de Rehabilitación – Portelo Único de Vivenda que facilita aos cidadáns o acceso á información e tramitación das axudas dirixidas á rehabilitación. 

 

En virtude deste convenio a Consellería financiará ata o 60% dos custos das oficinas municipais de rehabilitación ou portelos únicos. Isto supón un incremento de 10 puntos porcentuais respecto ao ano anterior, sendo este ano en que, por primeira vez, non se contempla financiamento estatal para estas oficinas xa que o Ministerio suprimiu esta axuda.

No decurso do acto o conselleiro avanzou ademais que os propietarios de vivendas emprazadas no trazados dos sete camiños de Santiago que percorren Galicia poderán solicitar a partir do venres as axudas para a rehabilitación, unha vez que o Diario Oficial de Galicia publicou este xoves a orde pola que se convocan as mesmas. Precisou que o período de solicitudes estará aberto ata decembro de 2011, presentándose as solicitudes nas xefaturas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Estas axudas, para as que a administración galega e central destinan case 6 millóns de euros, beneficiarán as vivendas das parroquias polas que discorre o Camiño de Santiago. As axudas medias serán de 5.000 euros do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2099-2012, que nalgúns casos poderán chegar aos 10.000 euros. Concretou que neses casos, os posibles beneficiarios terán que ter uns ingresos inferiores ao 6,5 veces o IPREM (Indicador Público de Efectos Múltiples); que as obras se efectúen en vivendas de 10 ou máis anos e destinar a vivenda a domicilio habitual.

Poderán acceder a estas axudas os propietarios que rehabiliten as súas vivendas emprazadas no camiño de Santiago, excepto cando esas vivendas xa estean incluídas nunha área de rehabilitación declarada con anterioridade, en cuxo caso se aplicarán as axudas da área de rehabilitación máis antiga. Nas conexións das rutas do camiño coas cidades e as grandes vilas a área de rehabilitación non comprende tódalas vivendas de cada parroquia, senón as da delimitación do trazado do camiño.

As actuacións protexibles corresponden tanto ao interior das vivendas como ao exterior dos edificios. As obras no exterior do edificio irán destinadas á mellora da seguridade, estanquidade, accesibilidade, eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables.

Polo que respecta ás obras no interior das vivendas, o obxectivo será a mellora da habitabilidade, da seguridade, da accesibilidade e da eficiencia enerxética.

Os inmobles terá como mínimo dez anos de antigüidade e destinaranse a residencia habitual e permanente do propietario durante cinco anos como mínimo. Ademais, os ingresos familiares ponderados dos propietarios non poderán superar 6,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).

O importe máximo da subvención por vivenda pode acadar o 75 por cento do orzamento protexido, cun límite de 10.000 euros. Estas subvencións son compatibles coas de rehabilitación de fachadas e rehabilitación no medio rural e conxuntos históricos, financiadas exclusivamente con fondos da Xunta de Galicia. Pola contra, son incompatibles coas do programa Renove do Plan de Vivenda.

Moisés Rodríguez Pérez amosou a súa satisfacción por estas medidas que poden beneficiar aos propietarios tudenses con vivendas no Camiño de Santiago nas parroquias de O Sagrario, Rebordáns e Ribadelouro e que contribuirán á rehabilitación deste predios, así como o financiamento da Oficina Municipal de Rehabilitación – Portela Único de Vivenda que posibilitará que os tudenses con propiedades no conxunto histórico poidan recibir asesoramento sobre as axudas para a súa rehabilitación. Cómpre lembrar, engade o alcalde tudense, que ao abeiro da Área de Rehabilitación Integral xe se teñen beneficiado de axudas máis de cincuenta vivendas do casco histórico e que no último Pleno da Corporación foi aprobada a ordenanza reguladora destas axudas que pode abranguer ata o 75% do orzamento cunha axuda máxima de 20.200 euros.

Rodríguez Pérez destaca o importante esforzo que o Concello de Tui ven realizando na súa aposta pola rehabilitación no conxunto histórico, sendo un dos seis concellos da provincia que conta con esta Oficina Municipal de Rehabilitación, ubicada na Casa do Concello de Tui.