Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Albergue de peregrinos de Tui acolleu no que vai de ano 2808 peregrinos, consolidando á nosa cidade como a porta do camiño portugués

21/09/2009

O ALBERGUE DE PEREGRINOS DE TUI

ACOLLEU A NO QUE VAI DE ANO 2.808 PEREGRINOS

 

Estos datos consolidan a Tui como a auténtica porta de acceso á Galicia do camiño portugués á Compostela

 

Sábado, 19 de setembro de 2009.  O Albergue de peregrinos de Tui acolleu no que vai de ano 2.808 peregrinos. Supéranse así os números acadados o ano pasado, no que dende o mes de maio a decembro se sumaron máis de 2.500 visitas. No que levamos deste 2009 xa son 2.808 os peregrinos que pasaron a noite en Tui e prevese que no que resta de mes de setembro se continúe nesta liña. Polo miudo, o mes de agosto foi o que máis visitas contabilizou, a pesares de pasar de 812 en 2008 a 686 peregrinos. O mes de xullo foi o que rexistrou un maior aumento de visitas pasando de 493 a 661 visitas neste ano. Os meses de maio (de 375 a 412 visitantes) e de xuño (de 264 a 372 peregrinos) tamén aumentaron notablemente o número de visitas. Na primeira quincena de setembro foron 270 os peregrinos acollidos neste lugar. As estes datos hai que engadirlle os 500 peregrinos que, non tendo sitio no albergue, pasaron a noite no pavillón de deportes de Tui.

 

O pequeno e acolledor albergue da cidade, ubicado na rúa Párroco Rodríguez Vázquez -xunto á Catedral- conta só con 36 prazas dispoñibles para que os peregrinos poidan recuperar forzas e continuar o camiño. O albergue encheuse en varias ocasións este verán, momento no que a "hospitaleira" ten que colgar o cartel de "non hai prazas" e explicar que existe unha prioridade para os peregrinos que veñen de facer unha etapa sobre os que comezan a ruta en Tui. É dicir, en Tui pódese empezar a "facer o camiño" posto que por diante restan algo máis dos 100 quilómetros necesarios para ser percorridos a pé a cambio da "Compostelana". Con todo, se un peregrino comeza a andadura en Tui, á hora de aloxarse no albergue, teñen prioridade sobre el os peregrinos que cheguen á cidade tras unha xornada no camiño.

 

As normas do Albergue son claras e redundan na seguridade dos peregrinos. A estancia será dunha soa noite, salvo causa de enfermidade ou forza maior. A porta péchase ás 23:00 horas da noite e os peregrinos teñen a obriga de partir a primeira hora da mañá. Para maior seguridade hai que mostrar o DNI e para garantir uns servizos mínimos hai que abonar un importe simbólico de 3€. En Tui con este abono, o peregrino ten dereito a visitar o museo catedralicio, o claustro e a torre; un bo agasallo de benvida para peregrinos e camiñantes.
Os usuarios deben ademais coidar as instalacións e facer un gasto responsable de luz e auga. Por suposto, a primeira obrigación do peregrino no albergue é gardar silencio para non molestar ó descanso dos demais.


A "hospitaleira" do albergue tudense, Teresa Morais, dende a súa experiencia prevé que uns días antes do 31 de decembro o albergue se atope cheo outra vez e alcance as mellores cifras do ano. Teresa Morais, que coñece ben os gustos dos peregrinos, pois leva anos atendendo este servizo, afirma que, en xeral, os peregrinos non son amantes das masificacións. Así, prefiren facer o camiño en xuño ou setembro que nos meses centrais do verán. Pero a apertura da Porta Santa é outra cousa e alí si que se darán cita milleiros e milleiros de fieis do apóstolo Santiago.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, este datos de ocupación consolidan á cidade de Tui como a auténtica porta de acceso do camiño portugués á Santiago, continuando unha tradición histórica documentada na nosa cidade dende os séculos medievais, pois a ruta que cruza o Miño entre Valença e Tui foi de sempre o punto escollido polos peregrinos de toda condición (dende os máis nobles -como o Rei Don Manuel - ata os máis humildes) para camiñar cara Compostela. O Concello de Tui agarda que dende os organismos competentes nesta materia se continúe traballando a prol da conservación deste legado histórico, revitalizando este roteiro que tantos peregrinos do pasado como os da actualidade escollen como o camiño portugués a Compostela. Moisés Rodríguez afirma que así teñen reclamado os máximos responsables do Concello tudense á Xunta de Galicia.