O 3 de marzo comeza o Club de Lectura Feminista Tempo de Mulleres
Será dinamizado por Mª Xosé Queizán. Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición
O martes, 3 de marzo, comezará a súa actividade en Tui o Club de Lectura Feminista “Tempo de Mulleres”. É unha iniciativa da concellería de Igualdade do Concello de Tui en colaboración coa Biblioteca Municipal. Reunirase cada primeiro martes de mes, de 19 a 20.30 h, até o mes de xuño.
Esta actividade vai dirixida a mulleres, que se reunirán unha vez ao mes para comentar e intercambiar opinións sobre un mesmo libro previamente lido, analizando diferentes textos literarios, a súa trama, o seu contido, as súas expresións, os seus personaxes, etc. O obxectivo é aprender a través da lectura e completar o coñecemento coas aportacións colectivas das demais. En definitiva, “tratase de crear un espazo compartido onde o feminismo poida enriquecer a vida das mulleres” explica Ana María Núñez.
Os libros propostos poderán ser retirados en empréstito, na Biblioteca Pública Municipal, ou poderán ser mercados polas participantes.
As mulleres interesadas poden inscribirse, de forma gratuíta, no correo electrónico biblioteca@tui.gal ou no teléfono 617 498 103, até completar as quince prazas ofertadas.
A sesión inaugural terá lugar o próximo martes, 3 de marzo ás 19h na Área Panorámica. A encargada de dinamizar o club será María Xosé Queizán, escritora, catedrática de lingua e literatura galega e referente do feminismo en Galicia. Nesta primeira sesión presentarase o club e explicarase a dinámica de funcionamento.