Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O 1 de maio celebrarase o I Trail Monte Aloia con 25 quilómetros de percorrido e 1.400 metros de desnivel

19/04/2016


Haberá tamén un minitrail de 15 quilómetros. A inscrición está aberta ata o martes 26.


 


 O domingo 1 de maio celebrarase o I Trail Monte Aloia organizado pola Asociación Cultural Comisión de Festas Virxe das Dores de Guillarei en colaboración do Concello de Tui.  Esta proba deportiva foi presentada esta mañá na casa do concello  polo concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis, Enrique Pérez, e por parte da asociación organizadora Rafael Estévez e José Villaverde.


Esta mañá na presentación o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, salientou o feito de que este evento deportivo estea organizado por unha asociación cultural que asume tamén a organización das festas parroquiais de Guillarei, así coma que o percorrido transcorre polo Parque Natural do Monte Aloia, lembrando que este foi o primeiro parque natural de Galicia.


O presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis, Enrique Pérez, amosou a súa satisfacción por contar con este evento na parroquia, agardando que o público acuda porque vai ser un bo espectáculo deportivo.


Rafael Estévez, da Asociación Cultural Comisión de Festas Virxe das Dores de Guillarei, explicou que este será un evento máis que organicen dende este colectivo. O seu compañeiro José Villaverde, explicou que nos últimos anos os trails están tendo moito auxe, e tras participar en varios tanto a nivel nacional coma internacional, e adestrar para eles no Aloia, apostaron por realizar tamén un en Tui.  Abondaba en que esta primeira edición é un punto de partida nun evento que, a medio prazo, agardan se poida converter nunha proba de referencia tendo en conta o valor engadido que ten ao transcorrer por territorio do Parque Natural do Monte Aloia.


O Trail constará dun percorrido de 25 quilómetros polo Parque Natural do Monte Aloia cun desnivel de 1.400 metros. No traxecto, con dous ascensos, os participantes pasarán polo Alto do Castro dos Cubos, os muíños do río Tripes, a senda de Cabana-Cabaciñas, a Pedra do Acordo, o río Deique , os Muíños de Paredes, o alto de San Fins,... con tres avituallamentos ao longo do percorrido.   A saída será ás 9h dende as instalacións deportivas da Macoca, en Pazos de Reis. Amais celebrarase tamén un minitrail con 15 quilómetros de percorrido e 800 metros de desnivel que sairá ás 9.30h do mesmo punto que o trail, e fará parte do percorrido do trail.  A entrega de premios, tanto para a categoría absoluta coma en veteranos, está prevista ás 13h.


 


 


 


A inscrición para participar tanto no Trail coma o Minitrail está aberta ata o próximo martes 26 de abril ás 23.59 a través da plataforma ChampionChip . Ata este xoves 21 o prezo é de 14 euros para o Trail e 10 euros para o Mintrail. Logo desa data estas cuotas se incrementan en 4 euros.  Os interesados poden ampliar esta información en www.trailmontealoia.com ou na súa páxina de Facebook .  Ata o momento teñen xa máis dun centenar de inscritos principalmente da provincia de Pontevedra e do Norte de Portugal, pero tamén de Madrid ou Las Palmas.