Novo percorrido para o Concurso-Desfile de Entroido en Tui que se celebrará o 17 de febreiro
Grupos e comparsas poderán inscribirse dende mañá xoves até o luns
O cambio no percorrido é unha das principais novidades do Concurso-Desfile de Entroido en Tui que se vai celebrar o martes, 17 de febreiro, ás 17 h en Tui. Hoxe mércores 28 de xaneiro publícanse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases reguladoras e a convocatoria deste evento.
O novo percorrido do desfile partirá do Espazo Feiral e discorrerá polas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e primeiro tramo da rúa Compostela, finalizando no aparcamento municipal, onde se procederá á disolución das comparsas. O acceso e concentración dos grupos realizarase entre as 15:00 e as 16:30 horas, a través da Avenida da Concordia e Camiño Ricamonde.
O desfile contará con dúas modalidades de participación Comparsas formadas por máis de 35 participantes, e Grupos, integrados por entre 15 a 34 persoas.
Poderán participar ata 12 comparsas e 3 grupos, competindo conxuntamente nas diferentes categorías de premios.
O prazo de inscrición será de tres días hábiles contados dende mañá xoves e até o luns ás 14 h a través da sede electrónica municipal concellotui.sedelectronica.gal.
As comparsas con domicilio social en Tui terán prioridade na inscrición, sempre que o fagan dentro do prazo establecido.
A orde de saída determinarase mediante sorteo público o luns 9 de febreiro ás 20.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Tui.
Os premios suman un total de 5.550 euros, ademais de fixos por participación que chegan ata os 750 euros para comparsas con carroza.
O Concello lembra tamén que a participación no desfile leva consigo a asistencia obrigatoria ao Enterro do Bacallau, previsto para o domingo 22 de febreiro, acto no que os gañadores das diferentes categorías terán un papel protagonista.
As bases completas están dispoñibles desde hoxe en www.tui.gal, e na sede electrónica municipal.





