Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Novo horario de atención á cidadanía da Oficina de Biorresiduos e compostaxe en maio

27/04/2022

Tamén comezan as reunións sobre o Plan Municipal de Compostaxe e entrega de composteiros individuais nas parroquias

A Oficina de Biorresiduos e compostaxe do Concello de Tui, situada no Centro Municipal de Formación en Guillarei, terá a partir do 5 maio horario de atención á cidadanía os xoves 10 a 14 h.

Deste xeito, con este horario fixo semanal, búscase prestar unha atención máis personalizada e mellorar o servizo non tendo que concertar cita previa para realizar calquera das xestións nesta oficina de compostaxe municipal.  Así as persoas interesadas poderán achegarse os xoves á oficina a solicitar un composteiro individual ou aireadores, así coma caldeiros para a compostaxe comunitaria, recoller material estruturante e resolver as dúbidas sobre a xestión de residuos e o proceso de compostaxe.

Por outra parte, tamén no mes de maio, comezarán as charlas informativas nas parroquias tudenses para explicar o Plan Municipal de Compostaxe. Nas mesmas as persoas interesadas poderán obter un composteiro individual complementando no momento o impreso de solicitude.  As primeiras charlas terá lugar o venres, 6 de maio, ás  20 h no Centro Cultural de Pexegueiro, e ás 21.30 h no Centro Cultural de Areas.