Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Nove carrozas na Cabalgata de Reis da Eurocidade Tui - Valença

3/01/2012

Nove carrozas participan na Cabalgata Internacional de Reis

Os magos de Oriente sairán ás cinco dende Valença en magníficas carrozas 

Martes, 3 de xaneiro de 2011. Todo está preparado en Tui e Valença do Minho para acolle este xoves a tarde a Cabalgata Internacional de Reis, que un ano máis volverá encher de ilusión e maxia as rúas das dúas cidades fronteirizas.  O punto de partida será ás cinco da tarde, hora española, dende o albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença Minho.

A comitiva real percorrerá as avenidas dos Bombeiros e de Espanha, en terras valencianas, para cruzar pola vella Ponte Internacional, e subir ata o centro urbano de Tui pola avenida de Portugal, rúa Martínez Padín, Augusto González Besada e Paseo da Corredoira. Xunto ao palco da música Melchor, Gaspar e Baltasar farán a súa ofrenda de oro, incenso e mirra ao neno Xesús no belén vivinte. Logo recibirán a todos os nenos e nenas que desexe subir a saúdalos, repartindo entre eles miles de globos. 

 Previamente no seu percorrido repartirán entre as  miles de persoas que estarán nas rúas de Valença e Tui mil quilos de caramelos. Os magos de Oriente chegarán en tres magníficas carrozas cos seus paxes, acompañados doutras seis carrozas da ANPA do Colexio Rural Agrupado, e das asociacións culturais de Malvas, “Seixos Albos” de Areas, “Lembranzas da terra” de Guillarei, “Xuntanza” de  Randufe e “Aloia” de Pazos de Reis,  un tren turístico, e dous camións de bombeiros. A parte musical correrá a cargo da Rondalla do Centro Cultural “O Mosteiro” de Pexegueiro e do grupo valenciano “Luar do Minho” e serán escoltados pola Policía Local de Tui, os Bombeiros Voluntarios de Valença do Minho, unha ambulancia, Protección Civil de Tui, e a Garda Nacional Republicana.

A comitiva real estará formada por máis de 250 persoas. Amais agardando aos Reis Magos xunto aos nenos na Corredoira estarán Dora Exploradora e Pocoyó.  A Concellería de Cultura de Tui é a organizadora desta Cabalgata de Reis na que colaboran a Cámara Municipal de Valença, a Policía Local, Protección Civil, a Garda Nacional Republicana, o Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, o grupo Scouts Alhoia, Moto Club Randufe, os Bombeiros Voluntarios de Valença, diferentes departamentos do Concello, e as asociacións culturais de Malvas, Areas, Guillarei, Randufe, Pazos de Reis e Pexegueiro.                    

Como cada ano é tamén imprescindible a colaboración da cidadanía para o bo desenvolvemento desta actividade. 

Pola mañá visitarán aos maiores que viven nas Residencias Paz e Ben e San Telmo

Previamente pola mañá os Reis Magos visitarán, a cabalo, as Residencias Paz e Ben e San Telmo, onde como cada ano entregarán os seus agasallos ás persoas maiores que viven nas mesmas. Estarán acompañados pola Rondalla do Centro Cultural “A Insua” de Caldelas.