Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A nenez de Xela Arias protagoniza a mostra itinerante que estes días se pode visitar en Tui

3/05/2021

O anexo da Sala Municipal de Exposición acolle este proxecto do colectivo Egeria até o sábado

Dende hoxe e até o sábado pode visitarse no anexo da Sala Municipal, na Área Panorámica a mostra “Aquela nena de Sarria”.  Esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, presentaron a mostra xunto ao presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Precisamente esta exposición é un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas

Doce paneis recollen os primeiros anos da vida de Xela Arias, a súa vinculación co rural e co noso idioma.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, agradecía ao colectivo Egeria que a exposición se poida ver en Tui, e convidaba á veciñanza a achegarse “porque é unha exposición sumamente interesante sobre os seis primeiros anos de Xela Arias, que nos identifica e nos traslada a outro territorio coma é o rural lucense”. Engadía que se trata “dunha magnífica ocasión para seguir aprendendo e vivindo a cultura de Galicia”.

O presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, explicana coma os tres anos que Xela Arias viviu en Sarria a marcaron tan fortemente que sempre volvía ao seu pobo, e logo faríao tamén co seu fillo. Unha relación que queda reflectida nas fotografías que forman parte da mostra, parte procedentes do álbum familiar. Unhas fotografías que logo foron o punto de partida dunha serie de debuxos realizados pola pintora lucense Sabela Arias, que “complementan á propia fotografía”. Recolle tamén a traxectoria dende “Xeliña fala galego” até chegar o momento actual “onde un conxunto de mulleres, ‘Elas’, seguidoras ou compañeiras de viaxe de Xela nos ofrecen precisamente poemas na súa honra”.

Máis información: www.aquelanenadesarria.gal