Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música, poesía e gastronomía para celebrar o Día de Rosalía en Tui

20/02/2026

Música, poesía e a gastronomía centran a celebración do Día de Rosalía en Tui. Dende esta mesma mañá a Biblioteca Municipal abriu a “Fiestra de Rosalía” unha iniciativa coa que remarcar esta celebración e a importancia da autora e a da súa obra.  Así xunto aos andeis da Biblioteca ábrese unha fiestra ás obras de Rosalía de Castro.

Proseguindo coa celebración do Día de Rosalía terá lugar o concerto “Poesiacordes”  o próximo xoves, 26 de febreiro, ás 19.30 h terá lugar no Espazo Sociocultural a cargo de Francisco Castro, escritor e músico, e de Valerio Araujo na percusión.  Será un encontro musical arredor da poesía galega con especial protagonismo para os poemas de Rosalía de Castro coma Negra Sombra, Maio Longo ou Adios Río, Adios Fontes. Pero tamén porán música a obra de Álvaro Cunqueiro, Curros Enríquez, Uxío Novoneyra. O concerto brindará tamén a oportunidade e escoitar os novos temas do disco “Cantos de amor e revolución” de Francisco Castro. Este evento musical dende o primeiro momento buscará a conexión entre o público e a música.

Para celebrar o Día de Rosalía non faltará o “Caldo de Gloria” do que Rosalía falaba no seu poema “Miña casiña, meu lar” sumándose o concello de Tui un ano máis a esta iniciativa da Fundación Rosalía.