Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música no Claustro, Sons na rúa, Festival de Bandas e Festa do Miño citas en agosto en Tui

1/08/2023

Amais haberá dúas proxeccións de cinema ao aire libre

Música, cinema e gastronomía centran a programación de “Tui, verán na rúa” durante o mes de agosto.

Así a programación de agosto ábrese co festival Música no Claustro, dirixido por Samuel Diz, que se celebra dende mañá martes e até o luns día 7 co lema de “Concéntricas”.

Hoxe martes, ás 21 h, Davide Salvado presenta o seu novo proxecto  ‘Permita Deus” xunto a Cibrán Seixo, brindando un percorrido por cantos e ritmos populares da península ibérica.  Mañá mércores será a quenda de Silvia Márquez, en residencia artística no festival, quen interpretará no órgano barroco da Catedral obras de Bach pero tamén partituras para órgano do propio arquivo catedralicio. O xoves será a quenda de Ballaké Sissoko, un dos principais referentes da música do continente africano e intérprete de kora.  O venres estará no claustro catedralicio o percusionista Diego Casado para ofrecer obras de Bach xunto a outras contemporáneas para marimba, e o sábado Irene Reig presenta o seu primeiro albume ‘Mira” cun repertorio de composicións orixinais e arranxos persoais que van dende os estándares de jazz ata o swing. Actuará xunto a Joan Casares, batería, e Pau Sala, contrabaixo.  Mentres o domingo a música flamenca soará da man de Niño Ruven, fagot, acompañado por Raquel Romero, viola, e José Macareno, guitarra.

Os concertos de Música no Claustro deste 2023 pecharanse o luns 7 coa oboísta  Iria Folgado, que volve ao festival, onde realizou unha residencia artística en 2021, para ofrecer un concerto xunto ao cuarteto de cordas formado por Sara e Raquel Areal, violín, e Héctor Cámara, viola, e Iago Domínguez, violonchelo. No concerto interpretarán as obras dun disco que gravarán ao día seguinte.

Pero amais o festival  contará hoxe martes 1, mañá mércores 2, o xoves 3 e o luns 7, ás 20.30 h previo ao inicio dos concertos, coa participación da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, que realizará unha intervención sonora do toque manual das campás, que recentemente foi declarado patrimonio da humanidade pola UNESCO. Amais o sábado 5 de 11 a 14 h na praza da Catedral un equipo de investigación recolle na praza da Catedral de Tui os recordos, saberes ou experiencias daquelas persoas que teñan tocado as campás da súa parroquia, que lembren os toques do seu lugar ou que conserven calquera gravación, fotografía ou outro documento sobre o toque manual das campás.

O programa inclúe tamén unha conferencia de Lucy Durán sobre a Kora o mércores 2 ás 18.45 h, e o Foro Profesional Resonancias, que se abrirá o mércores cunha conferencia maxistral a cargo do organeiro Gerhard Grenzing. A programación completa pode consultarse en www.musicanoclaustro.com.

En agosto a música estará presente co ciclo “Sons na rúa” que tivo que ser aprazado en xullo debido á previsión de choiva. Así o venres 11 actuarán KmZero e Manuel Madarnás e o luns 14 Acevedos Delgados e Pacheco Bros na Corredoira e na praza do Concello. Mentres o venres 18 ás 21 h, na praza de San Fernando, celebrarase o XXVIII Festival de Bandas de Música, no que a Banda de Música Popular de Tui será a anfitrioa e se contará tamén coa actuación da Banda de Música Unión Musical de Tenorio.

Dúas serán as proxección de cinema previstas no Paseo Fluvial. Este venres 4 ás 22.15 h será con “La canción del mar” e o venres 11, ás 22.15 h, “Encanto”.

A programación do mes de agosto pecharase o sábado 19 coa XI Festa do Miño, que comezará coa romaría e o descenso popular en Caldelas ao mediodía, o Descenso Internacional do Miño pola tarde, baixo a organización do Club Kaiak Tudense. Xa a partir das 20 h na rúa Compostela celebrarase  a Festa Gastronómica organizada pola Concellería de Cultura coa participación das  distintas asociacións culturais tudenses que serán as encargadas de elaborar pratos tradicionais da nosa gastronomía nunha proposta que ten colleitado gran éxito en edicións anteriores. Amais actuarán Troula Animación, Latexo Percusión, e Rolling Band ambientando musicalmente as últimas horas da Festa do Miño.