Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A música de dezaoito bandas galegas e portuguesas soarán no MUMI 2021

30/07/2021

Celebrarase do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença

A Eurocidade Tui-Valença acollerá do 9 ao 11 de setembro o MUMI 2021, un encontro profesional do sector musical e cultural galego e portugués. Na programación prevista figuran os concertos de 18 bandas dos que poderán gozar tanto os profesionais coma o público en xeral. Esta mañá no antigo convento de San Domingos, presentouse esta programación por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do director da Agadic, Jacobo Sutil, da concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, do vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, e dos membros do equipo organizador Emi Candal e José Costa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu orgullo pola presentación dun evento que afirmaba  “vai perdurar no tempo, e vai crecer, porque ten todos os compoñentes que debe ter para que poida crecer e se poida consolidar”. Sinalaba nese senso que “nace da unión de dous pobos”, é froito do traballo das dúas cámaras pola  divulgación da cultura, e se celebra nun lugar con fortes relacións transfronteirizas, e porque “falamos da posta en valor dunha cultura e dunha sinal de identidade común”.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destacaba que ”estamos todos ilusionados porque que este festival arranque, despois dun traballo arduo e longo”, indicando que “sexa o comezo de algo que vai permanecer durante moito tempo na Eurocidade” xa que dicía “Tui e Valença con os sitios ideais para que esta feira frutifique”.

O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, salientou que o MUMI é un proxecto innovador que brinda unha oferta cultural diferente da que se está a realizar. Auguraba o éxito deste evento que porá en relación tanto aos profesionais coma o público de ambas beiras. 

O director da Agadic da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, puxo en valor a capacidade e profesionalidade dos xestores culturais. Agradeceu ao Concello de Tui e a Cámara de Municipal o seu compromiso coa cultura e .  Destacou este que “este é un proxecto estratéxico que nos debe unir aínda máis, e incrementar todas as nosas relacións  que en moitas disciplinas son xa moi fluídas pero que na música temos que ser quen de incrementalas”.

Do 9 ao 11 de setembro terá lugar na Eurocidade Tui-Valença o MUMI 2021,. O público poderá gozar neses tres días tamén da programación prevista cunha serie de concertos que foron hoxe presentados. 

Emi Candal da organización do MUMI destacaba que a presentación de hoxe é un día de celebración e ledicia por “botar a andar un proxecto cultural que pon en comunicación dúas beiras do Miño e dous países”. Avanzaba as 18 bandas, metade galegas e metade portuguesas, que van participar neste encontro, nunha programación musical aberta a profesionais e para a o público. Tamén por parte da organización José Costa explicaba o complicado proceso de selección ante o elevado número de artistas que se presentaron á convocatoria.

O concerto inaugural correrá a cargo da Orquestra Galego Portuguesa de Liberación, que precisamente se estrea neste evento. Tamén por parte galega estarán Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto. E por parte portuguesa actuarán Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Kaústika, Ruma e The Guit Kune Do. 

O programa de concertos previstos destaca pola súa cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galego e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica esencial, pasando polo jazz, o funk e o pop de autoría, os dezaoito showcases programados recollen a variada escena de ambas beiras do Miño. 

Por outra parte cómpre lembrar que continúa aberta a inscrición profesional para o MUMI 2021 na web mumimusicas.eu.

Este evento forma parte do proxecto Unicidade, co-financiado polo programa Interreg V-A, Espanha-Portugal, 2014-2020.