Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A música centrará a programación do domingo no segundo día das festas de San Telmo

24/03/2016


Pola mañá actuará a Agrupación Musical de Goián e pola tarde celébrase o Festival Folclórico


 


A música centrará a programación deste domingo, 27 de marzo, nas Festas de San Telmo. O programa previsto comezará ás 12.30h no Paseo da Corredoira cun concerto a cargo da Agrupación Musical de Goián, en caso de choiva este evento será cancelado.


A charanga Fuego animará as rúas de Tui dende ás 17h. Unha hora despois, ás 18h, comezará no Teatro Municipal de Tui o Festival Folclórico Festas de San Telmo no que van participar os grupos Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, Lembranzas da Terra de Guillarei e San Xoán de Paramos.  Muiñeiras, ribeiranas, pandeiros, xotas, foliadas,...formarán parte do repertorio elixido por cada grupo para a súa actuación ao longo de quince minutos. A entrada para o festival é libre ata completar o aforamento do Teatro.


O Paseo da Corredoira acollerá dende ás 19h o Festival de Karaoke coa SpaceMusic.  Por último pechando a xornada do domingo, a partir das 20h actuará na rúa Compostela a orquestra Ritmo Joven amenizando a primeira verbena.


Amais o domingo comeza en 25 locais de hostalería de Tui a Semana Gastronómica San Telmo organizada polo Concello de Tui en colaboración coa Asociación de Restauradores e Hostaleiros de Tui. Os locais participantes ofrecerán ata o próximo luns, 4 de abril, nos seus menús produtos do río Miño. Amais previa reserva en sete dos locais poderase degustar o meixón do Miño.