As mulleres represaliadas no cárcere de Tui centran as actividades desta semana da programación “Ocupemos o noso lugar”
O venres presentase un libro e exposición e o sábado representarase “A señora de Forcadela”
O Concello de Tui continúa esta semana cos actos organizados ao abeiro do 8M, Día Internacional das Mulleres, co lema “Ocupemos o noso lugar” con distintas propostas. Hoxe mércores ás 19 h celebrarase a primeira cita da semana coa charla “A saúde nas distintas etapas da muller” a cargo de Ana Cal. Será na Sala Félix Rodríguez.
As outras dúas citas da programación desta semana celebraranse no edificio do antigo cárcere na Praza da Inmaculada. O venres ás 20h terá lugar a presentación do libro e inauguración da exposición ‘As mulleres represaliadas no cárcere de Tui’. O libro foi escrito por Helena Pousa, Marga do Val, María Victoria Martínez e Xosé Ramón Paz Antón. Trátase dun libro editado polo Concello de Tui en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, A Louriña e O Condado. Paralelamente elaborouse unha exposición deseñada por Ángeles Velázquez que homenaxea ás mulleres encarceradas entre 1936 e 1939 no cárcere do Partido Xudicial de Tui. No acto intervirán Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Ana Núñez, concelleira de Igualdade, Helena Pousa, Marga do Val, e Xosé Ramón Paz Antón, autores do libro, e Ángeles Velázquez, deseñadora da exposición. Contarase coa participación musical de Alejandra Cabaleiro Rodríguez, alumna de 4º de Grao Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Tui, acompañada ao piano polo profesor Rubén López. Será un acto aberto a toda a veciñanza até completar aforo.
Por último, o sábado ás 21h terá lugar tamén no antigo cárcere da Praza da Inmaculada a representación teatral da obra ‘A señora de Forcadela’ a cargo da compañía Os Quinquilláns. A peza está inspirada na historia de Josefa García Segret, detida e retida na prisión tudense xunto a outras mulleres galegas no ano 1936. Trátase dunha actividade organizada polo Concello de Tui en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A entrada é libre até completar o aforo.