Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Miles de persoas gozaron da programación cultural de Agosto que fixo de Tui un referente cultural

27/08/2024

Música, cinema, e gastronomía centraron as propostas deste mes

O público aplaudiu durante este mes de agosto a programación “Tui, verán na rúa” con música, gastronomía e cinema coma principais protagonistas. O Claustro da Catedral, a praza de San Fernando, o Paseo Fluvial, a ribeira de Caldelas, e a rúa Compostela foron os escenarios para os distintos eventos programados ao longo deste mes que volveron contar cunha gran acollida por parte público e volveron consolidar ao municipio coma referente cultural.

O festival de Música, Patrimonio e Creación Música no Claustro, celebrado do 1 ao 7 deste mes, colleitou cada noite o cheo no claustro catedralicio, un entorno único no que se puido disfrutar da música de Lula Pena, Laura Marchal, Víctor Franco e Jesús Campos, Faia e Bleunn Le Friec, Tana Santana Quinteto, Trío da Kali, Pedro Lamas con Germán Díaz e Romero Cienfuegos e Moser String Quartet, que dende Galicia, Suíza, Andalucía, Canarias u Mali achegaron a súa música baixo o lema “Catedral Atlántica” que centrou esta edición.  Tamén as actividades de artesanía en familia e o Foro Resonancias foron un éxito.

Nunha calorosa noite de verán o Paseo Fluvial converterse nunha gran sala de cinema para acoller a proxección de “Salta”, unha divertida comedia que completou a oferta cinematográfica do verán.

A gastronomía congregou a miles de persoas na rúa Compostela na Festa Gastronómica. Trece asociacións ofertaron unha ampla carta de propostas salgadas e doces que contaron coas actuacións de Circo Krasnovarak, Fanfarria Takicardia e Festicultores.

Da man da Asociación A Insua a ribeira de Caldelas acolleu o IV Rocha Folk nunha aposta decidida pola música tradicional, coa súa posta en valor e difusión. As bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e A Insua de Caldelas de Tui, e Templarios del Oza de Toral de Merayo do Bierzo, e a Agrupación de Bombos Amigos do Bombinho de Fontoura de Portugal ofreceron concertos na ribeira. As novas xeración estiveron tamén presentes coas pandereteiras “As Pituquiñas” da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro, e grupos consolidados cunha longa traxectoria coma Os Melidaos e Tanto nos Ten colleitaron o aplauso do público á beira do Miño. Mentres a Capela do Carme quedou pequena para acoller a todas as persoas que quixeron asistir ao concerto do dúo Pärbo.

Imaxe espectacular a que nos deixou o pasado venres o XXIX Festival de Bandas de Música coa praza de San Fernando completamente ateigada de persoas que gozaron co bo facer da Asociación Musical Julián Santos de Jumilla e a Banda de Música Popular de Tui, que coa Catedral como fondo ofreceron un variado repertorio dende o máis tradicional ao máis contemporáneo.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, salienta a gran acollida que a programación cultural tivo neste mes de agosto, agradecendo ao público a súa asistencia e ás asociacións e agrupacións participantes as súas actuacións.  Avanza a concelleira que o seu departamento está ultimando xa a programación de outono que en breve se dará a coñecer. Lembra que en setembro a primeira cita, do 12 ao 17, será co MUMI, o encontro das músicas de Galicia e Portugal.