Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mesa redonda sobre “A música e Rosendo Salvado” mañá xoves

1/06/2022

Será ás 20.30 h na Aula da UNED dentro do ciclo dedicado ao bispo tudense

“A música e Rosendo Salvado” é o título da mesa redonda que mañá xoves, 2 de xuño, ás 20.30 h terá lugar na Aula da UNED dentro do ciclo dedicado ao bispo tudense que se está a celebrar ao longo desta semana.

Esta actividade estará dedicada á musica e a relación de Rosendo Salvado con esta arte, na que salientou especialmente tanto no aspecto da interpretación como da composición.

Participarán nesta mea redonda Montserrat Capelán, da Universidade de Santiago, e Andrea González, pianista e interprete do disco que se estreará este venres no Teatro Municipal tudense, actuando como moderador o músico Tomás Camacho.

Montserrat Capelán é profesora de historia da música na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filosofía pola Universidade Central de Venezuela, en Historia e Ciencias da Música pola Universidade Autónoma de Barcelona, cun Máster (DEA) en Filosofía e doutoramento con mención á calidade pola Universidade de Santiago de Compostela. Como música práctica, formouse no Sistema Orquestral de Venezuela e no Conservatorio Liceo de Barcelona.

É especialista na música colonial venezolana e do século XIX, tema sobre o que presentou traballos en distintos países e sobre o que realizou numerosas publicacións así como edicións de partituras. En 2013 recibiu o Premio Nacional do Libro de Venezuela pola súa publicación, en coautoría con Roberto Ojeda, Motetes, cancións e tons de Atanacio Bello Montero.

A súa outra liña de investigación foi o estudo da música galega, especialmente dos séculos XIX e XX – ideoloxía, repertorio, música escénica, emigración e exilio –ámbito no que deu charlas en distintos lugares, fixo publicacións e realizou amplas actividades de divulgación. Foi responsable, xunto co resto dos membros do Grupo Organistrum, do proxecto Andrés Gaos realizado entre 2017 e 2019.

A tudense Andrea González, é vicepresidenta de Juventudes Musicales de España e directora do International Keyboard Festival & Maserclass da Eurocidade Tui-Valença, IKFEM. Premiada en numerosos concursos de piano nacionais e internacionais ten realizado concertos en Cuba, Australia, Reino Unido, Italia, Portugal e España, onde tamén realiza master classes, conferencias e xurados de concursos.

A súa formación en xestión musical pola Academia del Teatro alla Scala de Milán e a Universidad de Westminster de Londres tivo o apoio das fundacións galegas Pedro Barrié de la Maza e Segundo Gil Dávila. Asemesmo, é Presidenta de Xuventudes Musicais Eixo Atlántico e promove numerosos proxectos culturais en Galicia que compatibilizada coa súa actividade docente e de concertista.

 

Tomás Camacho estudou cos profesores José Tomás, Andrés Segovia, John Williams e Leo Brouwer. Foi profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo e foi director deste centro dende 1986 ata 1995. Tamén dirixiu o Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

Deu concertos de guitarra, a súa especialidade, en Europa e Asia: Londres, París, Bonn, Múnic, Seúl, Tokio, e participou en Festivais Internacionais (Festival das Artes de Dublín, Festival de Guitare de Liège, Festival Andrés Segovia, etc.)

É autor de numerosas publicacións educativas e gravou varios CD: “L. Brouwer”, “El Laud de J.S. Bach”, e coa soprano Teresa Novoa “Concierto de Música Española”.

Actuou con diferentes orquestras sinfónicas de España, Portugal e Francia.

As seguintes actividades previstas neste ciclo sobre Rosendo Salvado son as seguintes:

  • Xoves, 2 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Mesa redonda sobre Rosendo Salvado e a música.
    • Participan:
      • Montserrat Capeláns, profesora Universidade de Santiago de Compostela
      • Andrea González, pianista e interprete do disco
    • Modera: Tomás Camacho, músico e director xubilado do Conservatorio Superior de Música de Vigo
  • Venres, 3 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
    • Concerto – presentación do disco “Salvado - Piano Works” de Andrea González. Entrada libre até completar o aforo.
  • Sábado, 4 de xuño, ás 21 h no Teatro Municipal
    • Proxección do documental “De Rosendo a Rosendo” (2018) dirixido por Cesar Espada.