Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mercado de Nadal, iluminación, música en directo e decoración sostible abren a programación festiva en Tui

30/11/2023

Será mañá venres, 1 de decembro, a partir das 17 h no Paseo da Corredoira

Todo preparado en Tui para dar a benvida ao mes de decembro marcado pola celebración das festas de Nadal. Nas distintas rúas ultímanse os detalles para pór todo a punto para mañá inaugurar tanto a decoración de rúa coma a iluminación que encherá de cor, ilusión e maxia o centro urbano durante o Nadal.

Mañá ás 17 h terá lugar a inauguración do Mercado de Nadal cos quince primeiros expositores nas casetas de madeira no Paseo da Corredoira  que achegarán produtos vinculados ao Nadal dende decoración, agasallos, ou gastronomía.

Tui acenderá mañá o seu alumeado de Nadal que encherá de luz as distintas rúas e prazas. O acto simbólico de acendido da iluminación será ás 18.30 h na praza da Inmaculada, ou se chove na carpa na Corredoira. 

Non faltará nesta primeira xornada da programación a animación. Así ás 17 h Barafunda Animación presentará na carpa situada na zona peonil do Paseo da Corredoira o seu espectáculo “Abordaxe Pirata”. No mesmo lugar ás 19 h actuará o grupo de pandereteiras Arrancaxestas de Ribadelouro.  Xa o sábado, 2 de decembro, a partir das 19 h realizará un pasarrúas a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.

A partir de mañá tamén se poderá visitar nas rúas e prazas a decoración sostible con elementos coma árbores, un poboado nevado, ou a frecha amarela que marca esta programación de Nadal.

A cidade vivirá así a programación “Tui, o Camiño do Nadal” con un amplo programa que se prolongará até o venres 5 de xaneiro.