Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Medio centenar de participantes este sábado no Concurso Hípico de Tui

12/04/2012

Este sábado celébrase en Tui o I Concurso Hípico organizado polo Club hípico Equigalia coa colaboración do Concello de Tui. Disputarase na modalidade de saltos e contará coa participación de medio centenar de xinetes e amazonas con idade entre os 7 e os 40 anos. Así se deu a coñecer esta mañá na presentación desta proba deportiva que correu a cargo do concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, e do presidente do Club Hípico Equigalia, Luís López.

 

Nicolás Lorenzo destacaba que é a primeira vez que se celebra este concurso hípico que nace con vocación de manterse e consolidarse no tempo. Cualificaba o proxecto de ilusionante e bonito.  A súa celebración, explicaba, coincide co terceiro aniversario de Equigalia, inscrito como club deportivo no concello, e que na actualidade conta con oitenta nenos e nenas practicando equitación.

 

Pola súa parte Luís López explicou os pormenores do concurso. Haberá catro probas de salto de 0,5 metros, 0,80 metros, 1,05 metros e 1,20 metros. Nas dúas primeiras distancias competirán os nenos e nas outras dúas os adultos con máis experiencia.

 

A meirande parte dos xinetes e amazonas que van participar son de Tui, pero tamén chegarán da Cañiza, Vigo, Pontevedra e Mondariz.

 

A competición realizarase, de once da mañá a tres da tarde, nas instalacións do Club Equigalia en Pexegueiro con acceso dende a estrada Tui-Gondomar, e que estará convenientemente sinalizado. A entrada será gratuíta.

 

De cara a futuras edicións os organizadores barallan que o Concurso poida comprender tamén outras modalidades hípicas.