A maxia do Nadal chega á Biblioteca Municipal con actividades para todos os públicos
Este xoves ábrese a inscrición para os Obradoiros de Nadal
A maxia do Nadal chega tamén á Biblioteca Pública Municipal de Tui cunha oferta de actividades dirixidas a todas as idades pero con especial atención á rapazada que ten nestas datas un especial protagonismo.
Máis de 600 persoas teñen participado xa nas primeiras actividades desenvolvidas a pasada semana.
Así a presentación da serie documental “Rosendo Salvado aventura e misión dun galego en Australia” producida pola TVG e dirixida por Valentín Carrera congregou a máis de duascentas persoas no Teatro Municipal. Mentres máis de 300 persoas participaron e se divertiron, o pasado xoves, tamén no Teatro Municipal, co espectáculo “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra”. E o sábado máis de 100 persoas asistiron á presentación do novo libro do tudense Fernando J. Álvarez Pereira: “Astilla de la misma madera” na Sala Félix Rodríguez González.
A citas deste programa de Nadal continuarán mañá mércores, 11 de decembro, coa apertura do Mercadiño Solidario de Libros que celebra anualmente a Biblioteca tudense en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui. Nestas xornadas a Biblioteca Municipal repite este mercadiño tras a exitosa experiencia dos últimos anos e ofrece preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesadas poidan recoller as obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais. Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta. Diariamente iranse incorporando novos exemplares actualizando así de modo permanente este mercadiño.
A literatura volverá estar presente o mércores 19 coa presentación do libro de ensaio político “Los límites del crecimiento económico y la crisis de ideas de la izquierda” de Ricardo Canosa Bastos a partir das 19,30 horas no Edificio “Francisco Sánchez”.
A Biblioteca tudense volverá ofrecer un ano máis os Obradoiros de Nadal dirixidos a nenos e nenas entre os 5 e os 12 anos de idade. Celebraranse os días 23, 26, e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro en horario de 11.30 a 13.30 h. Para participar é preciso inscribirse en cada obradoiro dende este xoves ben a través do correo electrónico biblioteca@tui.gal ou ben de xeito presencial na propia Biblioteca Municipal.
A oferta destes obradoiros infantís ven denominada neste ano como “Un nadal “diferente” de cor verde” e comprende os seguintes talleres:
- Luns 23 de decembro: O Grinch e as súas travesuras
- Xoves 26 de decembro: Contos e lendas
- Venres 27 de decembro: Scape room do Grinch
- Xoves 2 de xaneiro: Xogando co Grinch
- Venres 3 de xaneiro: A maxia do Nadal
Cómpre lembrar que nestas datas de Nadal son dúas as exposicións que se poden vistiar no edificio Francisco Sánchez. Por unha banda ata o 11 de xaneiro pódese visitar a exposición de pintura “Después que nos hayamos ido” de Robín Trigás na Sala Municipal de Exposicións. E na zona Anexo desta Sala Municipal de Exposición pódense contemplar as obras premiadas no recente concurso de pintura rápida “Pinta Tui” celebrado no pasado mes de novembro.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, subliña como esta oferta de actividades pretende achegar a Biblioteca Municipal como un espazo aberto á sociedade e con propostas de extensión bibliotecaria para os diversos segmentos de idade tamén nestas datas de Nadal.