Matilde y Rosana (Abalorios MYR), Cucapuntoes e Cucadas gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal de Tui
Matilde y Rosana (Abalorios MYR), Cucapuntoes e Cucadas son os tres establecementos gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo Concello de Tui en colaboración con ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. Recibirán 300€, 200€ e 100€ respectivamente. O obxectivo do certame era dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial, convidando aos establecemento a preparar os seus escaparates con propostas orixinais e creativas sobre o Nadal e a súa vez animando á veciñanza e visitantes a realizar as súas compras no municipio.
Tras deliberación do xurado que elixiu os dez escaparates finalistas abriuse a votación do público, outorgando 10, 6 e 2 puntos aos tres que máis votos recibiron. Matilde y Rosana (Abalorios MYR) obtivo 478 votos, Cucapuntoes 440 e Cucadas 146 votos.
O xurado estivo formado Arminda Espiño, deseñadora; Miguel Pereira, técnico de iluminación; Sara Quintana, guía turística; Hilenia Iglesias, escaparatista; Lucía Beatriz Silva, deseñadora; Verónica Gómez, organizadora de eventos e Natalia Lago, educadora ambiental. Na súa valoración para elixir aos dez finalistas os membros do xurado tiveron en conta a composición do escaparate e orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos, a interacción co público e o emprego de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais.
Tras a elección dos dez finalistas a través da aplicación Easy Promos abriuse a votación para o público na que se emitiron 1.595 votos. Entre todas as persoas participantes sorteáronse seis vales de compra por importe de 50€ para consumir nos comercios participantes.
Dende o Concello de Tui agradécese a participación de todos os comercios que se sumaron a este Concurso de Escaparates de Nadal que formou parte da campaña de promoción do comercio local levada a cabo con motivo das festas de Nadal, así coma ás persoas que conformaron o xurado do certame polo seu labor. Tamén amosan o seu agradecemento a todas as persoas que participaron activamente no concurso emitindo o seu voto, así coma a todas aquelas que durante o Nadal elixiron o comercio e o mercado local para as súas compras.