Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Marián Mouriño reivindica os vínculos do Celta  con Tui no pregón das festas de San Telmo

4/04/2026

Marián Mouriño, a presidenta do Celta puxo en valor a identidade de Tui e a relación do Celta coa cidade no pregón que marcou este mediodía o inicio de dez días de festexos na honra a San Telmo. 

O pregón das festas de San Telmo puxo en valor  a identidade de Tui e o seu carácter acolledor nun acto institucional no que tamén se destacou a relación histórica co  Celta.

O acto, presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, contou coa presenza de membros da corporación municipal, o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, e da directiva do Tyde FC.

A presidenta celeste agradeceu o convite  para ser pregoeira e subliñou o “privilexio” de participar nunha xornada sinalada para a cidade, destacando que Tui “non é só un lugar con historia, senón un lugar con identidade”, facendo fincapé no papel da veciñanza como principal valor do municipio.

No seu discurso, puxo en valor o patrimonio tudense, coa súa catedral, o río Miño ou o Camiño de Santiago, pero incidiu especialmente en que o que realmente fai especial a Tui é a súa xente, á que definiu como “unha comunidade con raíces profundas, que mira ao futuro sen perder o que a fai única. Nesas raíces, nesa forma de ser, tamén nos recoñecemos dende o Celta”. 

A pregoeira  referiuse a Tui coma “unha terra profundamente celtista”.  Lembrou que “o Celta formou parte destas festas” aludindo aos partidos que o equipo “viu a xogar aquí, que compartiu con vos días coma estes”. Tamén tivo palabras para a Peña Celtisa Tudense, unha das máis antigas do club que dicía “leva máis de 30 anos acompañándonos”. Felicitou ao Tyde polo seu centenario sinalando que “cen anos son moito máis ca unha cifra. Son xeracións, son recordos, son fins de semana compartidos, son historias que se transmiten de pais a fillos”.  

Marián Mouriño destacou a importancia de “estar xuntos. Compartir. E iso é precisamente o que empeza agora, nesta gran xuntanza que son as festas de San Telmo en Tui”.

Marián Mouriño deu lectura ao pregón dende o edificio da plaza da Inmaculada ante centos de persoas que gozaron xa das primeiras horas destes festexos. Interveu tamén o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen agradeceu a Marián Mouriño, ter aceptado ser pregoeira e a disponibilidade amosada para promocionar dende o club o 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui. Conectou tamén o alcalde o pregón co centenario do Tyde. 

Precisamente o presidente do Tyde, David Domínguez, entregou á presidenta do Celta unha camiseta conmemorativa do centenario. Pola súa banda Marián Mouriño entregou ao alcalde unha camiseta do Celta conmemorativa destas festas de San Telmo. A presidenta foi obsequiada cun cadro co cartel destes festexos obra do artistas tudense Carlos Fer.