Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Marga do Val ofrecerá o martes unha conferencia sobre Luisa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galega 2024

10/05/2024

Comezará ás 19 h na Biblioteca Municipal dentro da programación de Tui en Letras

O próximo martes, 14 de maio, ás 19.00 h, a escritora Marga do Val pronunciará na Biblioteca Municipal de Tui unha conferencia titulada “Luisa Villalta, devir comunidade” dedicada á figura de Luisa Villalta a quen se lle dedica neste ano o Día das Letras Galegas.

Marga do Val sinala, nunha recente entrevista, que Luísa Villalta é unha escritora moi completa. Eu sempre digo que se falamos de Otero Pedraio como o polígrafo de Trasalba, podemos falar de Luísa Villalta como a polígrafa da cidade alta, da cidade da Coruña. Escribiu teatro, poesía, ensaio, narrativa. É unha escritora que escribiu para os tempos de hoxe, que escribiu para nós.

No decurso do seu relatorio Marga do Val analizará a obra de Luisa Villalta completando a súa intervención coas lembranzas derivadas da súa mutua amizade, da súa participación en numerosos proxectos e iniciativas de carácter social e cultural.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, esta actividade, que forma parta da programación de “Tui en letras2024”, ofrece a oportunidade para o achegamento á figura de Luisa Villalta e a súa transcendencia para a cultura galega. O Concello de Tui agradece a Marga do Val que se achegue ata esta cidade, que sente como propia, para pronunciar este relatorio baseado no estudo e coñecemento da obra de Luisa Villalta pero tamén nas numerosas experiencias persoais compartidas.

Marga do Val (Vigo, 1964), nome literario de Marga Romero Lorenzo. É licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela w profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega.  Crítica literaria e articulista en diversos medios, autora de varios poemarios ("Entre dunas", "Poemas pola memoria", "Sarabia", “A cidade sen roupa ao sol” pola que obtivo o Premio da Critica en 2011), da novela "O prognóstico da lúa" e de varias adaptacións teatrais para a compañía viguesa "Teatro Arte Libre", así como a tradución de diversas obras literarias: ” Cousas da rapazas”, de Peter Bichsel, en colaboración con Joachim Wormuth (Alfaguara, 1998), “A Casa da paixón”, de Nélida Piñón (Galaxia, 2006) e “Randea do alento”, de Herta Müller (Xerais, 2010) premio á tradución da  Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no ano 2011. Autora de diversos ensaios sobre Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Carolina Otero (La Bella Otero) e Lorenzo Varela. Marga do Val está estreitamente vinculada á nosa cidade.