Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres obradoiro de banda deseñada na Biblioteca con Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009

22/10/2009

UN OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA CON JACOBO FERNANDEZ SERRANO NOVA ACTIVIDADE MAÑÁ VENRES DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

 

Xoves, 22 de outubro de 2009. A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa levando adiante o seu programa de actividades arredor da celebración do "Dia da Biblioteca" e logo das xornadas do mércores e xoves, cun contacontos para adultos e cine de animación para os rapaces, mañá venres, 23 de outubro , desenvolvérase un obradoiro de banda deseñada a cargo do ilustrador Jacobo Fernández Serrano, un dos principais representantes da nova ilustración galega.

 

Este obradoiro dará comezo ás 17,30 horas e durará ata ás 19,00 horas e está dirixido especialmente a rapaces e mozos a partir dos 10 anos de idade.

 

Jacobo Fernández Serrano é o recente gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009, ben coñecido polo seu traballo como ilustrador e autor de cómic (gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada en 2007 con Aventuras de Cacauequi e este ano estivo nomeado ao mellor autor revelación no Saló del Còmic de Barcelona), mais xa publicara dous libros infantís escritos e ilustrados por el: A Gardería de Dona Bixelmina (Edicións Xerais, 2005) e A pedra e as formigas (Edicións Xerais, 2006). Ten publicados ademais os álbums de BD Os amigos de Archimboldo Roque (Faktoría K, 2007) e El origen de Marcopola (Bang Ediciones, 2009).

 

Esta actividade da Biblioteca Municipal de Tui forma parte do programa Letras Vivas que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.