Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres inaugúrase a exposición "De puertas adentro" de Nuria Figueiredo

17/12/2009

MAÑÁ VENRES INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN "DE PUERTAS ADENTRO" DA ARTISTA TUDENSE NURIA FIGUEIREDO

 

Xoves, 17 de decembro de 2009. A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, acolle mañá venres, 18 de decembro, a inauguración da exposición da creadora tudense Nuria Figueiredo que amosa por vez primeira as súas creación neste espazo municipal.

 

Nuria Figueiredo está rematando aos seus estudios en Belas Artes, iniciados na Facultade de Pontevedra e completados na actualidade na correspondente Facultade da Universidade de Bilbao, e presenta nesta exposición unha mostra da súa produción que recolle o traballo realizado nos últimos tres anos.

 

"O proxecto que presento nesta exposición é unha busca e encontro de espazos que xorden a partir da lembranza de espazos reais e espazos inventados, cos que tento construír diferentes atmosferas", así explica Nuria Figueiredo a mostra que se inaugura maña venres.

 

Prosegue a autora "me interesa o volátil, o cambiante, a inmediatez, as transparencias, o sutil... o resultado é unha abstracción que suxire, mediante formas fundamentalmente orgánicas, paisaxes poéticos que quedan suspendidos dentro dunha atmosfera flotante. Ao principios as pinceladas son azarosas, logo entra en xogo a consciencia do quefacer, pero todo o proceso creativo é un tira e afrouxa entre o azar, o inconsciente, o consciente, a casualidade, os formalismos estéticos, o aprehendido... unha mestura entre facer e deixar que se faga o cadro".

 

Na obra que presenta Nuria Figueiredo e que abrangue tamén unha videocreación podemos atopar elementos que nos lembran aos seus artistas de referencia: Helen Frankenthaler, Georgia O'Keffem Gao Xingjian, Zobel, etc.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, con esta exposición que pecha o ano 2009 na Sala Municipal amósase o compromiso que leva adiante este espazo municipal pola promoción dos novos valores artísticos do noso municipio, ofrecendo aos mozos a posibilidade de amosar as súas creacións nun espazo de referencia, como é a Sala Municipal de Exposicións. Un compromiso que manterá esta concellería nas seguintes mostras a realizar.

 

Rodríguez Pérez expresa a súa satisfacción polo positivo balance deste ano 2009 no que esta Sala Municipal acolleu un total de 19 exposicións de variada temática salientando especialmente a exposición "A Divina Comedia" de Salvador Dalí que foi un importante acontecemento cultural.

 

Esta exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2010 na Sala Municipal de Exposicións (Edificio Área Panorámica - rúa Colón, 2).