Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres inauguración da exposición "165 anos de ensino medio en Tui"

2/06/2011

MAÑA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “165 ANOS DE ENSINO MEDIO EN TUI”

 

O Teatro Municipal tudense acollerá mañá venres 3 de xuño ás 13,00 horas o acto oficial de inauguración dunha exposición conmemorativa dos 165 anos da fundación na nosa cidade dun Instituto de Bacharelato, que comezou a funcionar no curso 1845/46.

Para conmemorar este aniversario ábrese esta exposición titulada “165 anos de ensino medio en Tui” organizada conxuntamente entre a Concellería de Cultura tudense e os IES “San Paio” e Francisco Sánchez, e na que colaboran o Seminario Menor “San Paio”, o Instituto “Sánchez Cantón” de Pontevedra, o Museo Pedagóxico de Galicia e o Museo Diocesano de Tui.

O acto inaugural desta mostra terá lugar no Teatro Municipal e contará coa presenza do alumnado destes centros educativos –que en días posteriores visitaran a devandita exposición- e está prevista a asistencia do Alcalde de Tui en funcións, Antonio F. Fernández Rocha, o Xefe Territorial da Conselleria de Educación, Cesar Pérez Ares, xunto aos directores dos institutos tudenses.

Con este acto reivindicase a antigüidade do ensino medio en Tui, salientando que foi unha das primeiras cidades de Galicia en contar cun centro educativo destas características, pois só Lugo tivo un instituto anteriormente, en 1842, e no referido ano 1845 comezan os de Santiago, Ourense, Pontevedra e Tui, namentres que A Coruña deberá agardar a 1862.

Para o concelleiro de cultura en funcións, Moisés Rodríguez Pérez, salientar este aniversario que sitúa á nosa cidade como un dos primeiros lugares de Galicia en contar cun centro de ensino medio é reivindicar a historia da nosa cidade, a súa vocación educativa e cultural.  Congratúlase polo traballo conxunto realizado entre os Institutos de Ensino Secundario de Tui e a Concellería de Cultura na organización desta mostra que estará aberta ao público ata o 30 de xuño.

 

 

Nado a instancias do concello, o instituto de Tui, radicado no desamortizado convento de San Francisco (hoxe seminario menor) foi un instituto de terceira clase no que quedarán integradas as cátedras de latinidade e filosofía (que viña sostendo o concello), que se financiará coas matrículas dos seus propios alumnos, cos fondos das cátedras integradas e cunha subvención municipal para cubrir o posible déficit.

Os compoñentes do primeiro claustro foron: don Francisco Martínez e don Juan Santos Villa (presbíteros, catedráticos de latín, xa exerceran no estudo público que antes sostiveran cabido e concello), don Pedro Miguel Caravelos (colexial, ex-reitor do colexio maior de Fonseca en Santiago), don Juan Ramón Costas (presbítero), don Juan José Domínguez (estes dous últimos xa foran catedráticos no colexio de filosofía que sostiña o concello), don Manuel Silva (que sería tamén o primeiro secretario), don José Mouriño e don Juan Antonio Rodríguez Bustillo. Director titular foi don Telmo Maceira que, polo seu traslado á corte, dende marzo de 1846 foi auxiliado polo director interino don Pedro Sobral. Na lista de matriculados (20 alumnos de 1º, 31 de 2º,14 de 4º) son maioría os tudenses, da propia cidade e da diocese, pero tamén hai representación de Cambados, Ferrol ou Salamanca. A creación do Seminario en 1850 no mesmo edificio é, posiblemente, a causa da sua desaparición naquela data.

Haberá que agardar ata a II República para contar cun novo centro creado, no ano 1933 en Tui, como colexio de 2ª ensinanza subvencionado polo Estado. Chega unha das épocas máis gloriosas do ensino medio tudense e figuras como as de Ferro Couselo ou Benito Prieto ensinan nas aulas de San Domingos. Actividades extraescolares, clases de balde fóra de horario para obreiros e artesáns, exposicións de traballos, revista escolar Tude... A pesares das presións do Concello unha orde ministerial de 1939 clausura esta segunda etapa.

Haberá que esperar ao decreto de 19 de maio de 1950 que crea o instituto de ensinanza media e profesional de Tui, modalidade agrícola gandeira. É o inicio dun período que, sen interrupcións, chega aos nosos días, no que contamos con dous Institutos de Ensino Secundario: “San Paio” e “Francisco Sánchez”.