Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres, Dia do Libro, "Ágora, os libros na Praza de San Fernando

22/04/2010

A PRAZA DE SAN FERNANDO ACOLLE MAÑÁ, DÍA DO LIBRO, UNHA INICIATIVA DAS BIBLIOTECAS TUDENSES: "ÁGORA, OS LIBROS NA PRAZA"

 

Xoves, 22 de abril de 2010. A praza de San Fernando, diante do pórtico da catedral tudense acollerá mañá 23 de abril, Día do Libro, unha novidosa iniciativa da Biblioteca Municipal e das bibliotecas escolares do municipio que baixo o título de "Ágora, os libros na praza" tentará ao longo de todo o día de encher este espazo público de libros usados e vellos.

 

Dende as 09,00 horas da mañá ata ás 20,00 horas calquera persoa que se achegue ata a Praza de San Fernando pode depositar os seus libros usados ou vellos neste lugar e/ou recoller aqueles libros que estean alí depositados e que resulten do seu interese. "Leva e/ou colle os libros" reza a propaganda realizada polas bibliotecas para convidar aos veciños a sumarse a esta iniciativa. Ao remate cos libros que fiquen na Praza serán entregados á Fundación Cumulum que os distribuirá nos centros culturais ou educativos que considere axeitados.

 

Ao longo da mañá pasarán pola Praza de San Fernando máis dun millar de alumnos dos centros educativos de Tui, coa seguinte orde: IES San Paio, CEIP de Caldelas e logo o nº 2, CEIP de Pazos de Reis, Colexio Rural Agrupado, CEIP de Randufe, CEIP nº 1, CEIP de Guillarei e Rebordáns e rematará co alumnado do IES Francisco Sánchez. Ao longo da mañá na Praza de San Fernando os diversos grupos escolares asistentes realizarán recitais de música, de poesía, lectura de textos, etc. Pola tarde, as 17,30 horas haberá unha sesión de monicreques para os cativos a cargo de Marío Tomás que porá en escena a obra:  "A princesa do sal e outros contos de sempre", organizada pola Biblioteca Municipal ao abeiro do programa Letras Vivas que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.

 

A Fundación Cumulum organiza unha actividade similar nesta mesma xornada do 23 de abril nas catro capitais de provincia e na cidade de Santiago e foi a iniciativa da Biblioteca do IES San Paio que se organizou en Tui, sumándose a este evento no Día do Libro.

 

O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez,  resalta que esta "festa dos libros" é a primeira actividade que organizan conxuntamente a Biblioteca Municipal e as bibliotecas dos centros escolares do noso municipio, abrindo así cunha colaboración que agarda dea novos froitos nun futuro.  Salienta tamén o edil tudense que esta actividade promove a difusión do libro e a lectura dun xeito lúdico e posibilita que todos os cidadáns poidan achegarse á cultura escrita.