Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres celébrase a XIII edición de Tui Le coa participación de máis de 400 alumnos e alumnas de centros educativos tudenses

21/04/2022

Trátase dun encontro promovido polas bibliotecas escolares e a Biblioteca Municipal de Tui

Mañá venres, 22 de abril, véspera do Día do Libro, a partir das 10 h celebrarase na praza de San Fernando o XIII Tui Le, un encontro promovido pola Biblioteca Pública Municipal de Tui  xuntos coas bibliotecas escolares dos centros educativos de Tui.  En caso de choiva desenvolverase na carpa instalada no Paseo da Corredoira. 

Será unha xornada de actividades arredor do libro e a lectura na que participarán máis de 400 alumnos e alumnas do IES San Paio, CEIP nº 1, CEIP nº 2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns, CEIP de Randufe, CEP de Caldelas, CRA “Mestra Clara Torres”, Colexio Santa María – Maristas e Seminario Menor “San Paio”. 

Cada centro participante presentará un póster, elaborado polos alumnos e alumnas, centrado nunha escritora galega, achegando tamén a súa biografía e obra a todos os asistentes. Moitos dos alumnos realizarán tamén intercambio de libros usados.
Tamén se contará coa actuación do músico Xoán Curiel co seu espectáculo “Cantando as nosas letras”, no que canta a Xela Arias, Antonio Fraguas, Carvalho Calero, Florencio Delgado Gurriarán e algúns outros autores das nosas letras. Ao longo deste espectáculo musical achegará ás e aos estudantes á estas figuras xa que falará tanto  das súas obras coma do seu percorrido vital. 

Esta iniciativa de cooperación bibliotecaria, que acada a súa 13ª edición, mantívose incluso nos anos anteriores en formato virtual por mor das medidas sanitaria derivadas da pandemia da Covid. Trátase dunha actividade para a promoción do libro e da lectura promovida polas bibliotecas escolares do noso municipio en colaboración coa Biblioteca Pública Municipal de Tui.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, indica  que “con esta nova edición de “Tui Le” o Concello segue apostando polo seu traballo a prol do libro e a lectura dende o convencemento de que é unha ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e social”. Así o concello facilita o transporte do alumnado dos centros escolares das parroquias para asistir a esta nova edición de “Tui Le”.