Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres celébrase o XXIV Festival de Bandas de Música de Tui

30/07/2015

Actuarán na praza de San Fernando as bandas de Monção e Tui ás 22.30h.

Xoves, 30 de xullo de 2015. A Praza de San Fernando será o escenario onde mañá venres, 31 de xullo, se celebre o XXIV Festival de Bandas de Música de Tui. A partir das 22.30h o público poderá gozar do son das bandas de música populares nun evento con longa tradición no verán tudense. Este ano van participar a Banda Musical de Monção e a Banda de Música Popular de Tui.

A Banda de Música de Monção naceu no ano 1792 e conta con 223 anos de existencia.  En 2006 consigue un dos feitos máis importantes da súa historia, ó consagrarse vencedora do Concurso Nacional de Bandas Filarmónicas da Cidade de Aveiro. A Banda Musical de Monção, conta neste momento con 90 músicos, sendo a maioría deles da casa. A escola de música ten arestora 70 alumnos. O seu director é José Vicente Simeó, nacido en Valencia. Dirixiu Bandas Sinfónicas de Música, como a Municipal de Tui, a de Ourense, O Rosal, Unión Musical de Alacuas (Valencia), Viana de Castelo... Actualmente é Profesor Superior de Música da Cámara no Conservatorio Superior de Castellón (Valencia), compositor e mestre da Banda Musical de Monção.

A Banda Musical de Monção vai interpretar:

  • Palha Blanco -  Afonso Alves
  • Carnaval de Veneza  - Arranjo José Vicente Simeó
  • Príncipe Igor -  AleKsandr Borodin
  • Libertadores - Oscar Navarro
  • A Tribute to Harry James  - Naohiro Iwai

A Banda de Música Popular de Tui está dirixida por Adolfo Besada e integrada por 60 músicos. Afunde as súas raíces a finais do século XIX, mantendo unha actividade permanente dende a década dos oitenta. Nestas case tres décadas ten ofrecido numerosos concertos tanto en Galicia coma en Portugal, así coma en Valencia, Salamanca, Asturias,  Madrid ou Bos Aires. Esta agrupación ten tanto na Escola de Música de Tui coma no Conservatorio unha excelente canteira de músicos que integran as súas filas.

A Banda de Música Popular de Tui vai interpretar:

  •  Fiel. Pasodoble de concerto- Ventura Cartagena
  •  Sitio de Zaragoza- Fantasía Militar- Emilio Cebrián Ruiz
  •  Fantasía en Do- David Fiuza
  •  Crema de Whisky para gaita e banda-E.Campos
  •  Reflections of this Time (reflexións deste momento)- Ted Huggens