Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres ás 19 h inaugúrase a exposición “Nada ha sido fácil” de Xulio M. Sigüenza

9/06/2022

Mañá venres, 10 de xuño, ás 19 h inaugurarase no anexo da Sala de Exposicións Municipal a mostra “Nada ha sido fácil” de Xulio M. Sigüenza.  Nesa mostra o autor convida a realizar unha viaxe poética a través da súa intervención con diversos textos e obxectos. Así atopamos na exposición unha mesa, único moble do habitante dunha casa, unha porta, ou a pegada dun nenos sobre un ladrillo. Amósase tamén o “legado de Tabliñas” escrito sobre unha antiga chapa galvanizada.

Segundo recolle Ana B. Rodríguez Sánchez no catálogo da mostra, trátase “dunha preciosa oportunidade para adentrarse na linguaxe das cousas e das persoas a quen pertenceron, da man dun creador apaixonado pola curiosidade do pasado, polos camiños libres e solitarios, e por todos aqueles lugares onde habita o esquecemento”.   No mesmo catálogo a artista Rosalía Pazo Maside indica que as obras que compoñen a mostra poñen en dialogo o obxectual e o literario con títulos coma “Las palabras de Lázaro” ou “Vender a vaca”. Engade Rosalía Pazo coma todo é resultado dun madurado traballo de creación que “reivindica o recoñecemento de vidas singulares maltratadas pola precariedade, a soidade, o infortunio”.

A mostra poderá visitarse até finais de mes de luns a venres de 8.30 a 13.30 h e de 15.30 a 20.30 h, e os sábados de 9 a 13 h.