Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá presentación do libro de Silvia González Soutelo "O Tui antigo, unha aproximación histórico-arqueolóxica"

15/11/2007

MAÑA PRESENTACIÓN DO LIBRO DE SILVIA GONZÁLEZ SOUTELO “O TUI ANTIGO, UNHA APROXIMACIÓN HISTÓRICO-ARQUEOLÓXICA” 

Mañá venres 16 de novembro ás 20,00 horas terá lugar, na Sala da Fundación “Felix Rodríguez” (no edificio Área Panorámica – entrada polo aparcadoiro municipal) a presentación do libro, recentemente publicado pola editorial Toxosoutos, da historiadora tudense Silvia González Soutelo: “O Tui antigo, unha aproximación histórico-arqueolóxica”.

Esta obra conta cun importante labor de recollida dos principaisd aspectos arqueológicos e históricos atopados no concello de Tui, dende as primeiras evidencias da ocupación humana deste territorio polo home, ata a Antigüidade tardia –momento no que comeza a configurarse o enclave medieval tudense- con especial incidencia no seu papel na época romana. Esta obra tenta respostar as preguntas sobre a orixe da cidade de Tui, sobre todo en época romana, á luz das testemuñas arqueológicas e as noticias históricas existentes e que a autora analiza polo miudo ao longo das páxinas desta obra.

Silvia González Soutelo (Tui, 1978) é Doctora en Historia (na área de arqueoloxia romana) pola Universidade de Santiago de Compostela. Ainda que encetou a súa andaina investigadora no coñecemento da historia antigua da cidade de Tui (obxecto da sua tese de licenciatura da que xorde o libro que comentamos) na actualidade está especializada no estudio das infraestructuras hidráulicas de época romana, con especial interese na revisión dos espazos termais con augas mineiromedicinais, que foron obxecto da súa tese de doutoramento.

Silvia González Soutelo foi Premio Extraordinario de Licenciatura (2002) e X Premio de Investigación Ferro Couselo (2005), ten participado en numerosos proxectos internacionais de escavacións arqueológicas e na actualidade colabora no Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela e desenvolve un proxecto de investigación co Institute of Archeology da Universidade de Oxford e a Universidade de Burdeos.

Para a Concelleria de Cultura do Concello de Tui é unha satisfacción acoller este acto de presentación desta publicación que enriquece o coñecemento do noso pasado e, especialmente –sinala o concelleiro Moisés Rodríguez Pérez- por tratarse da obra dunha historiadora tudense que testemuña deste xeito a sua vinculación coa súa cidade de Tui.