Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá martes visita ao mosteiro de Ganfei e San Teotonio

10/08/2026

Esta actividade forma parte do ciclo “Coñece o noso patrimonio” que promove o Instituto de Estudos Tudenses coa colaboración do Concello de Tui

Mañá martes, 11 de agosto, continua o ciclo de visitas guiadas que promove o Instituto de Estudios Tudenses, ao longo dos meses de xullo de agosto, cunha visita ao mosteiro de O Salvador de Ganfei e á figura de San Teotonio, natural desta  freguesía de Valença. A visita comezará no propio mosteiro ás 20.30 h ES.

Co título “Os tempos do románico en Ganfei: o mosteiro de O Salvador e San Teotonio”, a visita estará guiada por Isilda Salvador, recoñecida museóloga, investigadora e técnica cultural vinculada ao Municipio de Valença, activa na dinamización do patrimonio histórico da Eurocidade Tui-Valença e integrante da xunta directiva do Instituto de Estudos Tudenses.

As persoas participantes coñeceran a arquitectura románica deste templo especialmente vinculada cos estilos artísticos da catedral tudense, que está celebrando na actualidade os oitocentos anos da súa consagración. O mosteiro de Ganfei está moi ligado á historia de Tui e ao seu patrimonio inmaterial. Completará a visita un achegamento á figura de San Teotonio, natural deste lugar, e primeiro santo portugués, que mantivo unha estreita relación con Tui e esta contorna.

Para a presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón, con esta visita ao mosteiro de Ganfei este Instituto segue expresando a súa vocación de traballo no ámbito da Eurocidade Tui-Valença.

Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana Núñez Álvarez, mostra a súa satisfacción pola excepcional participación que houbo nas anteriores visitas que testemuñan o interese de tudenses e visitantes por achegarse ao patrimonio tudense expresando a súa capacidade de axente dinamizador da nosa cidade e a súa contorna.