Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá martes haberá unha visita guiada á biblioteca de cinema de Daniel Dominguez

7/10/2025

A Biblioteca Municipal de Tui acolle mañá, mércores 8 de outubro, ás 19.00 horas, unha visita guiada á biblioteca de cinema de Daniel Domínguez co obxectivo de divulgar esta colección bibliográfica e audiovisual. A visita estará a cargo de Angeles García, viúva de Daniel Domínguez, así como dos promotores de Play Doc, Angel Sánchez e Pablo Comesaña.

Esta biblioteca de cinema foi formada polo cineasta tudense Daniel Domínguez ao longo da súa vida. No ano 2023 a súa familia fixo a doazón da mesma ao Concello de Tui. Esta colección abrangue máis de 2 mil títulos de libros de cine, arte e fotografía de Daniel Domínguez. Tamén se recollen todas as súas coleccións de revistas de cine, de películas en DVD con máis de 1000 títulos, e de carteis de cinema orixinais. Inclúese amais outros obxectos coma a colección de edicións de “A illa do tesouro” en distintos formatos e idiomas, e outros libros moi significativos na súa obra coma Moby Dick, xunto a  recortes, fotos, debuxos e obxectos de decoración.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca que grazas a esta doazón a Biblioteca Municipal de Tui conta cunha das mellores bibliotecas especializadas en cinema de Galicia, que enriquece substancialmente a súa oferta de material audiovisual. Agora ao abeiro das actividades do “Mes da Biblioteca” se organiza esta actividade de difusión. Os fondos desta biblioteca, en proceso de catalogación polo persoal técnico da Biblioteca tudense, están xa a disposición dos usuarios tanto no que atinxe ás películas como ás obras en papel.

Daniel Domínguez Pérez (Tui, 1955 – Corrubedo, 2020) foi guionista cunha longa traxectoria.  Foi un dos autores de series de televisión e películas como Mareas Vivas,  As leis de Celavella, Pai Casares,  Miña sogra máis eu, A vida por diante e Branca Madison, entre outras. No ano 2002 recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor guión por Terra de Miranda. Dirixiu as curtametraxes de ficción O Segredo e Río de Sombras, rodadas en Tui.

Foi un dos fundadores da Escola de Imaxe e Son de a Coruña e a súa erudición cinéfila quedou patente nas súas numerosas colaboracións como crítico de cine, pero sobre todo no seu excelente blog “La escuela de los domingos”. Pioneiro e figura clave do cinema e do audiovisual galego sendo unha das figuras clave deste sector nas últimas décadas.

Daniel Domínguez foi tamén concelleiro do Concello de Tui na primeira corporación municipal democrática.