Mañá inaugúrase Mercarte, unha tenda efémera de cinco creadoras locais , na Oficina de Turismo
Mañá xoves, ás 18 h, terá lugar a inauguración da tenda efémera “Mercarte” na sala anexa da Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira. Esta iniciativa, impulsada polo Concello de Tui a través da Concellería de Comercio, Emprego e Turismo, ten como obxectivo apoiar e impulsar o talento local, proporcionando un espazo no que as persoas emprendedoras e artesás poidan dar visibilidade e comercializar as súas creacións.
Esta experiencia piloto converterá o espazo anexo da Oficina de Turismo nun escaparate para cinco marcas locais de diferentes ámbitos da creación artística. Participarán Charria Ceramics con pezas de cerámica, Cabuxa con arte en pel, Essentia HM con detalles artesanais, Mar Jewelrin con xoiaría e Aida Alonso con ilustración.
Durante un mes, dende mañá xoves ata o 15 de xuño, Mercarte abrirá as súas portas de luns a venres de 10.30 a 13.30 h e de 17.00 a 20.00 h. Os sábados e domingos o horario ampliarase ata as 21 h. Neste tempo, as persoas participantes poderán comercializar directamente os seus produtos e avaliar a súa acollida no mercado local.
Mercarte non só representa unha oportunidade para apoiar o talento local, senón que tamén se presenta como unha plataforma para explorar novas formas de comercialización que xa están a dar bos resultados noutros lugares. O público poderá descubrir propostas creativas e únicas, vivindo unha experiencia de compra especial e próxima. Ademais, os participantes terán a posibilidade de compartir o seu proceso creativo e conectar directamente cos seus clientes, facendo desta experiencia algo enriquecedor.
Esta proposta non só busca promover o talento local senón tamén dinamizar o comercio local. De feito, desde o Concello de Tui xa se está a valorar a posibilidade de repetir esta experiencia nos próximos meses. Para iso, as persoas emprendedoras, artesáns ou creadores emerxentes que non dispoñan dun espazo físico para a venda poderán presentar a súa solicitude ao Concello, onde serán avaliadas as propostas presentadas.
A concelleira de Comercio, Ana Núñez, subliña que “Mercarte representa unha aposta clara polo emprendemento local e a dinamización do comercio tudense a través de novas fórmulas de comercialización que están a gañar terreo e que demostran a súa eficacia. Esta é unha oportunidade única para descubrir e adquirir pezas únicas realizadas con dedicación polos creadores e creadoras locais”.
Con esta iniciativa, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso co apoio ao emprendemento e á dinamización económica local, consolidándose como un referente no impulso aos novos talentos e á artesanía tudense.