Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inaugúrase a exposición fotográfica de Manuel Martínez Tobaruela “Cuentos, relatos y narraciones”

2/10/2023

Forma parte da programación “ Outubro, mes da Biblioteca”

Mañá martes, 3 de outubro, á 19.30 h terá lugar a inauguración da exposición de fotografías de Manuel Martínez Tobaruela titulada “Cuentos, relatos y narraciones”. Esta actividade forma parte da programación do “Outubro, Mes da Biblioteca” que ao longo deste mes ofrece un programa de actividades arredor do libro e a lectura para todas as idades.

Manuel Martínez Tobaruela, aínda que residente en Rivas-Vaciamadrid, dende hai mais de tres décadas visita asiduamente Tui onde ten familia e numerosos amigos. Manuel Martínez afirma que pola súa formación no obradoiro do fotógrafo Pablo Sanjurjo ten desenvolvido “una mirada fotográfica que intenta indagar más allá de la mera imagen, más allá de los contrastes de luz y sombras, buscando significados y propuestas para los espectadores de mis fotografías”.

Nesta exposición vincula imaxes e literatura estruturada en varias series: “Cuentos” (onde busca usar elementos cotiáns de xeito infantil, deixando voar a imaxinación), “Bombillas” (onde as figuras literarias vólvense imaxes), “Covid” (recolle en imaxes relatos administrativos sobre a vacina e a súa inoculación xunto a relatos futuribles sobre as consecuencias) e finalmente a serie “Mano” (que narra o confinamento persoal no verán de 2020 cando, ao chegar a lugares comúns e familiares, aparecen momentos e sensacións de estrañamento, peche, internamento, clausura, desterro, asfixia).

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta exposición salienta pola súa orixinalidade e a capacidade creativa de Manuel Martínez Tobaruela. A mostra poderá visitarse na Sala Municipal de Exposición ata o 28 de outubro.

Tamén dentro da programación de “Outubro mes da Biblioteca”, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal haberá unha actividades de contacontos titulada “Os nunkis e obradoiro creativo” a cargo de La Compañía Espectaular. É un contacontos para nenos e nenas de 6 a 12 anos acompañado de música en vivo. O protagonista é un neno, amigo dos Nunkis. Un neno que cre na maxia e no seu poder persoal.