Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inaugurase a exposición "Ceibes no monte, patrimonio vivo na Terra de Turonio"

28/01/2010

MAÑA INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN "CEIBES NO MONTE: PATRIMONIO VIVO NA TERRA DE TURONIO"

 

Xoves, 28 de xaneiro de 2010. Maña venres, 29 de xaneiro, ás 13,30 horas terá lugar inauguración da exposición "Ceibes no monte: patrimonio vivo na Terra de Turonio" organizada polo Instituto de Ensino Secundario Terra de Turonio de Gondomar, que ofrece nesta mostra o traballo realizado pola comunidade educativa. Trátase dun traballo interdisciplinar que aborda a realidade cultural do seu entorno. Este patrimonio cultural ten a súa xénese nun marco xeográfico de referencia, a Terra de Turonio. Unha das manifestacións máis enraizadas na tradición dos seus habitantes é a gandería cabalar en liberdade nos seus montes, os cabalos "ceibes no monte".

 

O presente proxecto é o resultado dos traballos realizados polo alumnado e profesorado do IES Terra de Turonio de Gondomar ao abeiro da Vª convocatoria do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas destinado á potenciación da educación patrimonial, ao coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural'. O traballo, elaborado no curso 2008/09 versa sobre os diferentes enfoques que se lle poden dar ao tema dos cabalos ceibes nos montes galegos e, en particular, nos montes das Terras de Turonio.

 

Nesta exposición podemos achegarnos ao medio natural da Terra de Turonio, ao monte comunal da nosa bisbarra, os cabalos de pura raza galega, os curros da Terra de Turonio e os cabalos na arte, cunha referencia á obra singular do escultor tudense Juan José Oliveira, contando con varios obras súas nesta exposición.

 

Na exposicións disponse de dous ordenadores para a mostra de: webs de información sobre o tema, cd's con diversos labores relacionados co gando ceibe. Un ordenador para acceder á información de xeito interactivo e para a realización de xogos interactivos con preguntas e cuestións relacionadas. Outro ordenador máis para acceder aos arquivos sonoros e documentación de son recollida.

 

No acto de inauguración se contará coa presenza do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, recentemente electo Presidente da Real Academia Galega, e experto coñecedor do mundo dos cabalos, que estará acompañado polos responsables do IES Terra de Turonio, o Presidente da Sociedade Hípica de Tui, etc.

 

A exposición estará aberta ao público no Edificio Área Panorámica de Tui ata o vindeiro 26 de febreiro, en horario de luns a venres de 12,00 a 14,00 e de 17,30 a 19,30 horas.

Para o concelleiro de cultura tudense a presenza desta exposición contribúe á valorización dunha manifestación da cultura tradicional da nosa terra e amplamente estendido na nosa bisbarra, especialmente no entorno do monte Aloia, onde os tudenses temos contemplado en numerosas oportunidades a presenza deste cabalos en liberdade.