Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inauguración da Exposición Filatélica “Camiño de Santiago Patrimonio da Humanidade” de Carlos Pérez-Fonterosa

13/12/2010

Mañá inauguración da Exposición Filatélica “Camiño de Santiago Patrimonio da Humanidade” de Carlos Pérez-Fonterosa

Luns, 13 de decembro de 2010. A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle mañá, martes 14 de decembro ás 20,00 horas a inauguración da exposición filatélica “Peche Ano Santo 2010 – Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade” que amosa a colección do tudense Carlos Pérez-Fonterosa Antón. Esta exposición está comisariada polo filatelista tudense Juan David Martínez Fernández

Co gallo da celebración desta mostra filatélica existe un mataselos especial concedido por Correos, que estará a disposición de todos os interesados mañá no acto de inauguración da exposición e posteriormente ao longo de toda a semana na Oficina de Correos de Tui.

A exposición se complementa con diversas imaxes xacobeas de Tui e a súa bisbarra así como con diversos paneis informativos sobre o Camiño portugués a Compostela e a súa trascendencia histórica e cultural.

Con esta mostra a cidade de Tui mantén o prestixio adquirido ao longo de varias décadas de actividade do “Grupo Filatélico e Numismático” de Tui que organiza anualmente unha cita de grande altura sobre o coleccionismo filatélico e que resulta de grande atractivo e interese, non xa para os amantes do mundo dos selos, senón para as persoas interesadas pola arte e a cultura e mesmo para calquera curioso que atopará na mostra elementos novidosos e salientables.

O Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece a Carlos Pérez-Fonterosa e a o “Grupo Filatélico e Numismático de Tui” esta nova contribución á promoción cultural da nosa cidade que atopa no mundo do coleccionismo filatélico unha interesante expresión. Sinala amais o acerto da temática da exposición que amosa, nunca nova oportunidade, a condición de Tui como a histórica porta de entrada do Camiño Portugués de Peregrinación a Santiago de Compostela, que neste ano que está a piques de rematar tense consolidado como o segundo itinerario de peregrinación a Compostela e Tui como o primeiro lugar de saída dos peregrinos logo dos enclaves do chamado camiño francés.