Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá entrará en vigor a reordenación do tráfico na rúa Casal Aboy

31/07/2018

Establécense aparcamentos en liña a ambos lados da calzada. O camiño Leirós terá prioridade peonil.

O concello de Tui informa a través da concellería de Seguridade, Tráfico e mobilidade, presidida polo concelleiro Antonio Castro Negro, que mañá mércores, 1 de agosto, entrará en vigor a reordenación do tráfico na rúa Casal Aboy que consistirá principalmente no establecemento de aparcamentos en fila a ambos lados da calzada e un único carril de circulación polo centro da vía, co que se busca evitar o estacionamento en dobre fila.

Precisamente onte comezaron os traballos de pintado da sinalización horizontal desta nova distribución da rúa que continúan ao longo do día de hoxe. Tamén inclúen o establecemento dunha zona de estacionamento para os autobuses que dan servizo ao alumnado do IES San Paio, que se situará a continuación do zona de aparcamento de ambulancias a carón do Centro de Saúde.

Outra das novidades, coa que se da resposta á petición veciñal, é o establecemento de prioridade peonil no camiño Leirós, no que nun lateral se sinalizará un corredor para os peóns, co que se mellorará a seguridade vial. 

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, explica que esta reordenación é unha medida provisoria mentres non se leva a cabo a humanización da rúa Casal Aboy, engadindo que a redacción deste proxecto está xa encargado.